Xoves, 25 Abril de 2019

O Concello de Mugardos poxará pola Cámara Agraria no novo proceso aberto pola Consellería

/ Xoves, 11/04/2019 - 09:23
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O pleno aprobou onte a modificación de crédito preciso para que a alcaldesa presente a oferta polo valor da propia taxación do Concello.

O pleno de Mugardos acordou onte habilitar unha modificación de crédito, por importe de 5.363,86 euros, para facer posible que o Concello concurra o vindeiro 20 de maio á nova poxa pública convocada pola Consellería de Facenda e opte á compra da antiga Cámara Agraria. A alcaldesa, Pilar Díaz, acudirá á cita para presentar a oferta polo valor actual do inmoble, que é de 44.259,42 euros segundo a revaloración da taxación feita polo propio Concello de Mugardos no ano 2013 –entón valorábase o inmoble e o soar en 38.895,56 euros-.
 
Pilar Díaz lamentou unha vez máis que este proceso non se resolvera xa a través dunha venta directa, toda vez que as anteriores poxas quedaron desertas e o prezo co que volve saír o inmoble, 39.500 euros, é moi próximo ao prezo que xa o Concello estaba disposto a pagar hai moito tempo.
 
A Consellería de Facenda sacou a subasta a propiedade no mes de abril de 2018 por un prezo inicial de 80.000 euros. Quedou deserta aquela poxa e as dúas seguintes, por 68.600 e 56.500 euros. Despois daquelo, o Concello reiterou á Xunta a súa vontade de adquirir o inmoble, situado en Franza, polo valor que marcaba a súa taxación, 38.895,56 euros, e pediu que a administración autonómica fixera a venda directa ao Concello.
A Consellería accedeu pero mantivo un prezo de 56.500 euros, polo que esta cuarta ocasión tamén fracasou.
 
Finalmente, o Concello de Mugardos vai concurrir á nova poxa cunha oferta de 44.259,42 euros, cantidade que resulta de actualizar a súa propia taxación e que está máis próxima da anterior oferta da propia administración municipal que do último prezo da Consellería.
 
A modicación de crédito aprobada onte permitirá completar a consignación que xa tiña o Concello de Mugardos, de 38.895,56 euros, para a mesma finalidade. A alcaldesa, Pilar Díaz, recordou que o Concello ten destinado máis de 90.000 euros á reparación da cuberta e o acondicionamento do edificio.