Domingo, 22 Setembro de 2019

A Terceira edición do MuDanzas contará cos bailaríns deportivos de élite Guillém Pascual e Rosa Carné

/ Venres, 26/04/2019 - 18:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Está aberta a inscrición no evento, que promove o Concello coa colaboración do club de baile local Móvete.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e a concelleira de Cultura, Lola González, mantiveron estes días unha reunión co responsable do club local de baile Móvete, Jesús Marcos Doval, para falar do lanzamento dunha nova edición, a terceira, do festival MuDanzas. Neste 2019 o programa desenvolverase os días 5, 6 e 7 de xullo, datas nas que, tal como subliñou a concelleira Lola González, a vila vai respirar danza polos catro costados. Haberá, como nas edicións anteriores, cursos de formación de bailes de diferentes estilos e tamén espectáculos de rúa que ofrecerán os participantes e os monitores, entre os que destaca este ano a presencia da parella de bailaríns deportivos Guillem Pascual e Rosa Carné, que ocupan actualmente o número nove do ranking mundial desta disciplina.
 
Segundo comentou Jesús Marcos Doval, está aberta xa a inscripción para os cursos, nos que o ano pasado participaron máis de 120 alumnos e alumnas pertencentes a oito escolas de danza da contorna. O programa, que promove o Concello coa colaboración do club de baile Móvete, abranguerá as seguintes actividades:
  • Baile deportivo: o curso será impartido por Guillém Pascual e Rosa Carné, que tamén ofrecerán o día 6 un espectáculo aberto ao público.
  • Danza coreográfica: impartirá o curso a monitora Luez.
  • Salsa en dos: a cargo de Aarón Ogando, da escola Son Swing.
  • Bachata: Álex Avellaneda e Ornella Brava serán os mestres, procedentes de León.cía Fernánd
  • Danza contemporánea: clases a cargo de Sandra Fernández.
  • Ballet para iniciados: con Lucía Cheda.
  • Bailes caribeños: o profesor será Jesús Marcos Doval, do club Móvete.
  • Danzas urbanas: haberá dous talleres, un con Erik Martín Flores e outro con Sara Vicente.
  • Baile tradicional galego: está por determinar quen o vai impartir.
O MuDanzas incluirá cursos de formación, algún deles comezará xa o xoves, día 4, e o resto serán a partir do venres 5. O sábado haberá espectáculos de rúa e o domingo está previsto un concurso-competición entre os alumnos e alumnas participantes. Como en anos anteriores, o Concello facilitará prazas de aloxamento, de maneira que parte do alumnado poderá pernoctar na vila e gozar tamén da convivencia con outras persoas interesadas polo baile, e cada curso terminará coa presentación dunha coreografía no escenario que se montará para a ocasión na zona do Cantón de Cora e que acollerá tamén os espectáculos profesionais programados.