Domingo, 26 Maio de 2019

O Concello acolleu a presentación da Campaña Contra as Adiccións deseñada por alumnos e alumnas do IES Mugardos

/ Mércores, 08/05/2019 - 09:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As actividades desenvolvéronse no marco do convenio de colaboración que mantén a administración municipal coa asociación Asfedro.

O salón de plenos do Concello acolleu onte, ás 17.00 horas, a presentación da campaña de prevención das adiccións que desenvolveron os alumnos e alumnas de cuarto de ESO e de segundo do ciclo básico de Agroxardinería do IES Mugardos. O traballo fíxose no marco do convenio de colaboración asinado no pasado mes de decembro entre o Concello de Mugardos e a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro), e consistiu no deseño dunha serie de debuxos e mensaxes cos que se trata de concienciar á mocedade dos prexuízos do consumo de alcohol e drogas e, en xeral, da adopción doutras condutas aditivas. Os mozos e mozas que deseñaron a campaña tomaron onte a palabra para
explicar as mensaxes e os seus obxectivos.
 
As mensaxes van ser difundidas a través de pousavasos e carteis que se distribuirán pola vila. Nelas, os rapaces e rapazas que participaron no proxecto lanzan lemas como “Vive o momento... sen drogas por medio”, “Conversa, non fales sen sentido”, “Vive o momento, pero recórdao” ou “Rompe as barreiras, mira máis alá”, entre outros.
 
A asociación Asfedro xa tiña desenvolto o seu traballo de prevención nos niveis educativos de Infantil e Primaria, nos centros educativos mugardeses, pero este ano por primeira vez o labor chegou tamén ao instituto. O Concello aportou 4.000 euros para a realización destas actividades, que se completarán con actividades de prevención por parte da entidade no marco dalgunhas festas e eventos en Mugardos.
 
1467