Domingo, 26 Maio de 2019

O Concello asinará un convenio coa deputación para a financiación do Pumptrack no Baño

/ Xoves, 09/05/2019 - 14:50
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A administración provincial aportará 76.420,65 euros para a construción desta instalación, que ocupará unha superficie de máis de 1.300 metros cadrados.
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informa de que está pechada xa a financiación do pumptrack que o Concello proxecta para a zona do Baño. O goberno local ten negociado e realizado todos os trámites administrativos para a sinatura dun acordo nominativo coa Deputación da Coruña, no que se establece que a administración provincial aportará 76.420,65 euros para a realización das obras necesarias. O proxecto ten un orzamento total de 95.525 euros, polo que o Concello terá que aportar outros 19.105,16 euros.
 
O pleno da corporación mugardesa aprobou a finais do pasado mes de abril o cambio de uso da parcela na que se vai facer o pumptrack. Dita modificación foi unha permuta dentro do ámbito do mesmo plan parcial do Baño: os terreos nos que vai a instalación estaban planificados como de uso dotacional escolar e agora pasan a ser de equipamento deportivo, e outra parcela próxima, que era de equipamento deportivo, pasa a ser de uso escolar.
 
O pumptrack de Mugardos vai ocupar unha superficie de máis de 1.300 metros cadrados, aínda que o circuíto en si sumará preto de 700, con curvas, peraltes e montículos deseñados para facer o percorrido máis divertido.
 
Trátase dunha instalación a ceo aberto e de baixo custe de mantemento, que virá reforzar aínda máis a afección que xa existe en Mugardos polo ciclismo, como demostra o feito de que o vindeiro 18 maio a localidade vaia acoller por segundo ano consecutivo Montefaro Enduro Race, proba puntuable para o Open España Enduro.