Domingo, 26 Maio de 2019

O Concello tramita a aprobación inicial da modificación do PXOM para o vial do Porto ás Casas Baratas

/ Luns, 13/05/2019 - 15:01
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/es

O documento elaborado polo goberno foi remitido á Dirección General de Aviación Civil, Demarcación de Costas e o Servizo de Urbanismo da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informa de que o Concello vén de remitir á Dirección General de Aviación Civil, á Demarcación de Costas e ao Servizo de Urbanismo da Xunta o documento para a aprobación inicial da modificación número 15 do PXOM, que permitirá a apertura do vial que conectará o porto coa rúa Catroventos, nas Casas Baratas. Está planificada unha estrada de doce metros de ancho, con dous carrís para o tráfico rodado, unha beirarrúa de 2,30 metros e un carril-bici de 2,70 metros.
 
O goberno local obtivera con anterioridade unha resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, na que se establece que non é preciso que o proxecto sexa sometido ao proceso de avaliación ambiental, o que simplifica a súa tramitación. Esta resolución foi emitida despois de que o proxecto fora remitido á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Patrimonio, a Dirección Xeral de Mobilidade e a Dirección Xeral de Pesca.
 
As propostas feitas por estes organismos nos seus informes foron incorporadas ao novo documento que agora foi enviado polo Concello ás devanditas instancias, para a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM.
 
Xa que non é precisa a avalización ambiental, o Concello de Mugardos poderá, cando conte cos últimos informes emitidos por Aviación Civil, Costas e Urbanismo, levar a proposta ao pleno. Unha vez que sexa aprobado, por maioría absoluta, someterase a información pública.