Luns, 23 Setembro de 2019

Actos polo Día das Letras Galegas

/ Martes, 14/05/2019 - 15:02
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A publicación inclúe un artigo sobre a relación de Rosalía de Castro co Seixo, ao fío dos versos “Si a vernos, Marica, nantronte viñeras”.

A concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González, informou do programa de actos organizado polo Concello con motivo do Día das Letras Galegas, destacando a presentación do terceiro número da revista de estudos rosalianos “Follas Novas”, que edita a Fundación Rosalía de Castro. Será mañá, no salón de plenos ás 19.30 horas, e contará coa presencia da alcaldesa, Pilar Díaz; o presidente da Fundación, Anxo Angueira, o director da revista, Xosé Luís Axeitos, e a autora do artigo “Unha lectura de Si a vernos, Marica, nantronte viñeras, á luz de novos datos”, a profesora Mª dos Anxos García Fonte, no que aborda a relación da poeta co Seixo e a posibilidade de que asistira á localidade con motivo da súa festa.

Cómpre recordar que o Concello de Mugardos celebra institucionalmente desde este ano o Día de Rosalía, de maneira que ao tempo que na localidade se organizaron actos en torno ao 24 de febreiro, a alcaldesa, Pilar Díaz, participou na ofrenda floral que a Fundación Rosalía de Castro celebra en Santiago de Compostela. O goberno local, ademais, asinou un convenio coa Deputación para a publicación dun libro coas investigacións de Henrique Sanfiz e outros estudosos sobre a relación da autora de “Follas Novas” co Seixo e descubriu unha placa cos versos que fan referencia á festa do lugar.

A revista “Follas Novas”, na que se inclúe este ano o artigo asinado por María dos Anxos García Fonte e Henrique Sanfiz, publícase en formato dixital con periodicidade anual. A concelleira Lola González invitou a todos os mugardeses e mugardesas, ao tempo que a calquera persoa interesada, a asistir mañá ao acto para achegarse ao universo rosaliano desde unha nova perspectiva.

 

Outros actos

Os actos en torno ás Letras Galegas continuarán os días 16 e 17 cunha serie de actos promovidos pola asociación cultural Apelón en colaboración co Concello. Así, o xoves haberá unha actuación do grupo de música tradicional galega Encrucillada, ás 19.30 horas no Casino Mugardés. Ao día seguinte, venres 17 e Día das Letras Galegas, está convocada unha xuntanza ás 13.00 horas na Praza do Concello –ou no interior da OMIX se chove-. Alí glosarase a figura de Antón Fraguas, o homenaxeado deste ano, e repartiranse libros e globos. A continuación comezará un percorrido, acompañado de gaitas, ata o peirao. No Cantón de Cora terá lugar unha comida de confraternidade, para a que xa están a prazas cubertas, e pola tarde, a partir das cinco, haberá xogos populares.

O mesmo venres, o Concello organizou unha actuación da Rondalla Mugardesa, a Coral Casino Progreso de Franza e da Coral Estelas do Mar. A cita será ás 19.30 horas no Casino Progreso de Franza, que colabora na iniciativa.

Para o sábado, día 18, tamén organizou o Concello outro concerto, neste caso no Casino Mugardés. Alí actuará, ás 20.30 horas, o coro de cámara Ludus Tonalis, especializada en música antigua e medieval.