Martes, 17 Setembro de 2019

Caldoval. Obradoiro de Xoiería Romana

/ Venres, 17/05/2019 - 11:39
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actividade será ás 17.00 horas este sábado, de balde, para todas as persoas interesadas a partir de oito anos de idade.

A concelleira de Cultura, Lola González, informa de que o Centro de Interpretación de Caldoval vai celebrar este sábado, 18 de maio, o Día Internacional dos Museos cun obradoiro especial adicado á xoiería romana. A cita será ás 17.00 horas e está aberta a todos os públicos, tanto nenos e nenas a partir de oito anos, como adultos. As persoas interesadas poden inscribirse de balde.
 
A celebración do Día Internacional dos Museos (DIM) está promovida polo Consello Internacional de Museos (ICOM) e este ano leva por lema “Os museos como eixes culturais”. A finalidade desta conmemoración é reivindicar o papel destas institucións como axentes activos dentro das comunidades. Na actualidade, os museos e centros de interpretación funcionan como plataformas nas que se combinan creatividade e coñecemento, nos que as persoas visitantes poden participar activamente creando, compartindo experiencias e colaborando ao desenvolvemento do saber.
 
O Centro de Interpretación de Caldoval funciona todo un ano como un espazo dinámico, no que ademais de coñecer un xacemento romano único poden realizarse diferentes xogos e obradoiros para achegarse á forma de vida dos romanos. Nesta ocasión, a proposta é coñecer e facer xoias como as que adornaban ás clases máis acomodadas en Roma.
 
As persoas interesadas poden inscribirse a través do mail info@museocaldoval.gal ou chamando ao teléfono 687 07 21 16 (en horario de apertura).
 
1469