Xoves, 21 Novembro de 2019

O Concello colabora un ano máis na Montefaro Enduro Race que se desenvolve este domingo

/ Venres, 17/05/2019 - 12:00
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Acuden 294 deportistas de toda España, que o sábado farán entrenamentos e o domingo rodarán nunha proba puntuable para a Copa Galicia e o Open España Enduro.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, asinou onte co presidente do Club Pulpeiros BTT, Ramón Romero Mandiá, un convenio de colaboración por valor de 2.500 euros, para apoiar a celebración da Montefaro Enduro Race que se desenvolve na localidade este fin de semana e que traerá á vila preto de 300 deportistas procedentes de toda España. Por segundo ano consecutivo, a proba organizada pola entidade mugardesa é non so puntuable para a Copa Galicia senón tamén para o Open España Enduro. O presidente de Pulpeiros valorou a importancia do respaldo do Concello para poder desenvolver a proba nas mellores condicións. 
 
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, subliñou pola súa banda o interese que ten que Mugardos reforce a súa imaxe como concello ligado ao deporte e á natureza, e destacou a grande afección que existe na vila polas dúas rodas. Ao fío disto, recordou que o Concello conta xa coa financiación necesaria para facer realidade o pumptrack na zona do Baño e destacou que vai ser unha instalación grande e coas condicións precisas para se converter nun foco de atracción de deportistas de toda a contorna.
 
Ramón Romero destacou o aumento de participantes que este ano rexistrou o Montefaro Enduro Race. Son un total de 294 despois de que cinco inscritos tiveran que darse de baixa por lesións e outros motivos, de maneira que os organizadores rozaron o tope de 300 corredores que marcaran para esta competición. A afluencia ten copado practicamente toda a oferta de hospedaxe que existe en Mugardos e a súa contorna, dado que segundo explicou o presidente de Pulpeiros, vén xente desde Canarias, Madrid, Valencia, Cataluña, Asturias e outros puntos de fóra da comunidade.
 
O Montefaro Enduro Race desenvolverase o sábado 18 e domingo 19. O primeiro día queda reservado para que os e as deportistas fagan adestramentos, recoñecendo o circuíto. Ao día seguinte, a competición comezará xa as 09.00 horas no Cantón de Cora. Desde alí sairán os participantes para facer o remonte ata Montefaro, onde comezarán en torno ás 09.45 horas os tramos cronometrados. A de Mugardos será a última proba puntuable da Copa Galicia, polo que da competición do domingo na vila sairán os gañadores.
 
1471