Mércores, 21 Agosto de 2019

Está aberto o prazo para solicitar o Espazo Infantil de Xogo, un ano máis en Mugardos e Franza

/ Martes, 21/05/2019 - 08:53
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Hai 45 prazas no CEIP Unión Mugardesa e 30 no Santiago Apóstolo e as actividades organizaranse en quendas de quince días durante os meses de xullo e agosto.

Ata o vindeiro 31 de maio está aberto no Concello de Mugardos o prazo de solicitude do Espazo Infantil de Xogo, a proposta para a conciliación da vida laboral e familiar na vila durante os meses de xullo e agosto. A concelleira de Servizos Sociais, Lola González, recordou que o programa se vai desenvolver nas instalacións dos colexios Unión Mugardesa e Santiago Apóstolo e que ambos os dous contan con comedor escolar, polo que as familias poderán elixir o horario reducido, de 10.30 a 14.00 horas, ou ben facer uso de almorzos e xantares co horario completo, de 08.00 a 14.00 horas. O programa vai dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
 
Hai 45 prazas no Espazo Infantil de Xogo da Unión Mugardesa e 30 no do CEIP Santiago Apóstolo de Franza. As actividades organizaranse en catro quendas de quince días e os prezos estarán subvencionados en función da renda para as familias de Mugardos, que terán preferencia para ocupar as vacantes.
 
A edil Lola González recordou que o programa quere facilitar a conciliación de vida familiar, persoal e laboral ás familias e servir tanto para o esparexamento dos nenos e nenas como tamén para reforzar a súa formación en valores como a igualdade, a convivencia, a saúde, o ocio e o consumo responsable. Ademais de desenvolver xogos nas instalacións dos colexios, o Espazo Infantil de Xogo proporá tamén algunha excursión pola contorna. Por primeira vez desde o verán de 2018, o Espazo Infantil de Xogo funciona tanto en Mugardos como en Franza.