Luns, 14 Outubro de 2019

Festas de Verán do Concello de Mugardos

/ Martes, 21/05/2019 - 09:28
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Asinouse o convenio coa Rede Cultural da Deputación, a través da cal chegarán 15 espectáculos á vila, seis deles para o cartel do Polbo e as celebracións do Carme.

A concelleira de Cultura, Lola González, informou da sinatura coa Deputación da Coruña do convenio para o desenvolvemento das actuacións incluídos na Rede Cultural da administración provincial. O municipio de Mugardos recibirá a través deste programa varios espectáculos dos que integrarán o vindeiro mes de xullo as festas da localidade. Ao fío desta programación, a edil adiantou outros concertos e actos xa pechados e que conforman o cartel da Festa do Polbo e as celebracións do Carme, eventos que se desenvolverán este ano do 13 ao 22 de xullo.
 
Así, da Rede Cultural da Deputación chegarán ata Mugardos, durante as festas de verán:
  • Kilomberos de Monte Alto: considerada a primeira banda de batucada de Galicia, actuará o día 13 de xullo, na xornada da Festa do Polbo, para animar as rúas da vila.
  • Sisters in the house: vinte voces femininas integran esta formación, que fai un espectáculo único integrando no seu repertorio clásicos da música negra, temas populares galegos e cancións do pop actual. Actuarán en Mugardos o 14 de xullo.
  • Teatro Ghazafelhos: o mesmo día 14, a compañía naronesa ofrecerá un dos seus espectáculos para o público familiar, “A illa do tesouro”.
  • Ialma: o día 15 de xullo, actuará na vila este grupo procedente de Bélgica e formado por cinco cantareiras, descendentes de galegos, que fan unha reinterpretación da música tradicional galega e tamén de temas actuais.
  • Miguel Costas: o compositor, guitarrista e vocalista, fundador de grupos míticos como Siniestro Total, Aerolineas Federales ou Los Feliz, estará en Mugardos o día 17 de xullo coa súa aposta polos oitenta e un repertorio de éxito asegurado no que repasa os grandes éxitos das súas formacións anteriores.
  • Susana Seivane: a recoñecida gaiteira estará na vila o 18 de xullo, presentando o seu novo disco “Fa”, tras oito anos de silencio discográfico. Un traballo que ten descrito como unha instrospección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal.
  • Pistacatro: a compañía Pistacatro, pioneira en Galicia na posta en marcha funcións de cabaré e novo circo. Estará na vila o 20 de xullo co seu espectáculo “Circo á Feira”, dirixido ao público infantil e familiar.
Xunto con estes sete eventos, a Rede Cultural da Deputación leva nesta edición de 2019 a Mugardos outros
oito actos, algúns deles xa programados con motivo das Letras Galegas e outros máis adiante, no que resta de ano.
 
No que toca ás festas de verán, Lola González informou de que o goberno local está pechando xa outras actuacións para completar o cartel. Así, está previsto que no día 13 de xullo estean na vila a Charanga Mekánica e, pola noite, a orquesta Claxxon animando a verbena.
 
Tamén está previsto que Mugardos acolla o concerto do grupo La Guardia, o día 16 de xullo. Para o 20 está programada unha noite de rock e fogos artificiais. A partir das 22.30 horas actuará Rock&Ríos Band, co seu tributo a Miguel Ríos, e despois dunha sesión de fogos de artificio, a noite continuará coa banda tributo a Sabina 500 Noches, que xa visitou a vila o ano pasado con grande éxito.
 
Para o público infantil e familia está prevista tamén unha función de Teatro Calavera, o día 18 de xullo, aínda que o goberno local ten previsto incorporar algún evento máis para nenos.
 
O programa de festas, por outra banda, contará un ano máis co Festival Folckórico Internacional e co Festival da Canción Mariñeira. Neste último está pechada a participación da Coral Santa María de Castro Urdiales e Máximo Gorki de Vigo.