Xoves, 19 Setembro de 2019

O Concello habilita fondos para o arranxo de dous novos camiños en Franza e O Vilar

/ Martes, 21/05/2019 - 09:07
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Agader concedeu unha subvención de 36.576 euros e a administración municipal ten que aportar outros 7.680,96 euros para levar adiante as obras.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou de que vén de aprobarse en comisión a modificación de créditos para facer fronte á parte de financiación municipal no proxecto de “Mellora de camiños municipais en Franza de Abaixo e O Vilar”, despois de que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) confirmase ao Concello que ten concedida unha subvención por valor de 36.576 euros para o mesmo. A actuación encádrase no Plan de mellora de Camiños Municipais do Agader para os exercicios 2019/2020 e ao Concello correspóndelle pagar 7.680,96 euros.
 
A actuación afectará a dous camiños afastados entre si. O de Franza de Abaixo ten 320 metros de lonxitude, e catro metros de ancho medio, e da acceso ao núcleo de San Vitorio desde a estrada CP-3504. O camiño do Vilar, na parroquia de Santiago de Franza, ten 398 metros de lonxitude e catro metros de ancho medio, e proporciona acceso a algunhas vivendas unifamiliares dentro da Aldea do Vilar ata a vía de servizo da VG1.2. En ámbolos dous casos, as obras consistirán la limpeza de foxos, o recheo das fochancas e a aplicación dunha nova capa de aglomerado, que mellorará a seguridade vial.