Mércores, 21 Agosto de 2019

Horario de verán de Caldoval

/ Martes, 04/06/2019 - 10:15
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As visitas guiadas, de balde, serán de xoves a domingo, polas mañás e polas tardes.

A concelleira de Cultura en funcións, Lola González, informa de que o Centro de Interpretación de Caldoval amplía desde xa os seus días de apertura pola campaña de verán. Así, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, o xacemento romano abrirá en horario de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas, de martes a domingo.
 
Nesta recta final do curso escolar o museo continuará a realizar actividades didácticas, combinando visitas guiadas e obradoiros centrados na vida cotiá e os traballos da antiga Roma. “Pintores de Roma”, “Artista dos mosaicos”, “Ludi Romani”, “A cociña de Apicio”, “O perfume do César” e “Un día na palestra” son os nomes dos talleres que os centros educativos poden escoller para complementar a visita ao “balneum” do século I D.C. atopado na enseada de Santa Lucía. Aínda quedan algúns días libres para programar visitas escolares, de maneira que a concelleira recorda que para facer a reserva só é preciso escribir ao correo info@museocaldoval.gal ou chamar ao teléfono 687 072 116.
 
Durante estes catro meses de tempada alta, tamén os visitantes que desexen achegarse a Caldoval terán a posibilidade de participar nunha visita guiada feita por unha persoa experta en patrimonio e turismo. Estas visitas son de balde e terán lugar de xoves a domingo ás 11:00, 13.00, 18:00 e 19:00.
 
Poderanse realizar tamén outras actividades pensadas para as familias como o xogo de pistas “O Tesouro de Caldoval” ou os obradoiros que terán lugar de xoves a domingo baixo reserva en horario de 12:00 e 18:00 horas.
 
Máis información: https://www.museocaldoval.gal