Mércores, 11 Decembro de 2019

Máis de 700 alumnos e alumnas participaron na actividade "Edusolidariedade á Mugardesa"

/ Martes, 04/06/2019 - 08:56
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Desenvolvéronse carreiras e xogos e recadáronse fondos con destino a Unicef.

A concelleira de Educación en funcións, Lola González, informa de que uns 700 escolares de todos os centros educativos de Mugardos participaron nunha nova edición o pasado venres 31 da carreira “Edusolidariedade á Mugardesa”, un evento organizado co apoio do Concello e que conxuga deporte, diversión e convivencia cunha finalidade solidaria. Desta volta a actividade tivo a Unicef como entidade beneficiaria dos fondos que se recadaron, despois de que os propios alumnos e alumnas dos centros a elixisen en votación. As actividades comezaron ás 10.30 horas na contorna do Centro de Interpretación de Caldoval, desde onde se foi dando a saída a diferentes carreiras, con percorridos adaptados por idades.
 
Os nenos e nenas máis pequenos trasladáronse despois das súas carreiras ao pavillón do Cristo, onde o Concello dispuxo xogos inchables e animación a cargo da empresa La Guagua. Ao finalizar tamén houbo un sorteo de agasallos, donados por empresas, entre todos os participantes.
 
A carreira “Edusolidariedade” contou coa participación dos CEIP Unión Mugardesa e Santiago Apóstol, así como do CPR Loyola e o IES de Mugardos. Desde o Concello, a concelleira de Educación en funcións, Lola González, agradeceu en especial a implicación da orientadora do instituto, así como das ANPAs dos centros. Unha delegación de voluntarios de Unicef participou na cita, onde se colocou unha urna para recoller os donativos das familias. O alumnado de Mugardos elixiu a entidade como beneficiaria da proposta polo seu traballo especialmente orientado á infancia.
 
1476