Domingo, 25 Agosto de 2019

O programa de andainas "Mugardos Camiña" pecha a presente edición cunha saída por Terras de Ponteceso

/ Xoves, 06/06/2019 - 15:17
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As persoas interesadas poden inscribirse gratuitamente a través da OMIX.

O programa Mugardos Camiña, que organizan conxuntamente o Concello e a Asociación de Veciños de Montefaro, terá este vindeiro domingo a súa celebración de fin de curso cunha saída por terras de Ponteceso. Como adoitan facer neste programa tan popular na vila, a última andaina faise fóra da contorna e disponse un autobús para o desprazamento ata o punto de partida e o regreso. Haberá opción de comer nun restaurante.
 
A concelleira de Cultura en funcións, Lola González, felicitou á asociación Montefaro por unha nova edición desta iniciativa, na que participan tanto veciños e veciñas da vila como doutros municipios, que atopan nela unha oportunidade para practicar exercicio cunha intensidade moderada e gozar da convivencia e do coñecemento do patrimonio da comarca.
 
Para apuntarse hai que acudir á OMIX, de 09.00 a 14.00 horas, chamar por teléfono -981 479 338, extensión 1- ou enviar un correo electrónico a deportes@concellodemugardos.gal. Para esta última saída, o prezo de inscrición é de 8 euros.
 
MUGARDOS É TEATRO EN XUÑO
 
Por outra banda, Lola González informou de que este sábado, día 8 de xuño, terá lugar unha nova representación do ciclo “Mugardos é teatro en xuño”. Actuará a compañía de teatro afeccionado “A cova do Trasno”, procedente da veciña vila de Ares, coa peza “Miña nai aquí hai un morto”. A representación, en clave cómica, será ás 20.00 horas no Casino Mugardés. A entrada é libre e gratuíta.
 
1477