Domingo, 15 Setembro de 2019

O vencello da poeta Rosalía de Castro coa zona do Seixo plásmase nun libro

/ Mércores, 12/06/2019 - 15:49
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O Concello de Mugardos presentará en datas próximas a publicación, que vén de saír da imprenta da Deputación Provincial.
A concelleira de Cultura en funcións, Lola González, informou de que a imprenta da Deputación da Coruña acaba de imprimir uns 500 exemplares do libro “A festa do Seixo na beira do mar... Rosalía de Castro e a fábrica”. A publicación recolle a investigación feita por Henrique Sanfiz, Jorge Gómez, Miguel Rodríguez e Xan Carneiro arredor da relación que uniu á autora de “Cantares Gallegos” coa zona do Seixo e que quedou plasmada nos versos “Si a vernos, Marica, nantronte viñeras/ á festa do Seixo na beira do mar/ ti riras, Marica, cal nunca te riches/ debaixo dos pinos do verde pinar”, nesa mesma obra.
 
Segundo explicou un dos autores, xunto co texto coa investigación desenvolta ao longo dun ano, o libro recolle fotografías antigas e actuais da zona do Seixo e das súas xentes, entre as que destacou algunhas da fábrica textil correspondentes aos anos 60, por seren pouco coñecidas. A existencia desa fábrica e a relación que Rosalía estableceu coa familia propietaria da mesma foi determinante, de feito, para levar á poeta a estas terras mugardesas.
 
Proximamente o Concello anunciará a data de presentación do libro, do que a concelleira destacou que supón unha importante aportación no coñecemento da historia local. O traballo foi, de feito, o punto de partida para que a administración local de Mugardos decidise poñer en valor a vinculación da vila con Rosalía de Castro. Descubriuse o pasado verán unha placa no número 107 da avenida do Seixo na que poden lerse os versos da poeta e, entre outras actividades, declarouse a celebración institucional do Día de Rosalía, de maneira que Mugardos a recordará ano a ano e o municipio acrecentará o seu coñecemento e relación coa autora.