Martes, 20 Agosto de 2019

Sae á luz a maqueta dos grupos locais municipais de ensaio dos Novás

/ Xoves, 13/06/2019 - 18:15
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello de Mugardos patrocinou a gravación coa finalidade de apoiar o traballo dos músicos noveis que empregan as instalacións municipais.

O Concello de Mugardos impulsou a gravación dunha maqueta con dous temas de cada un dos grupos que actualmente ensaian nos locais municipais dos Novás. A concelleira de Cultura en funcións, Lola González, informou de que saíron á luz un cento de exemplares do disco, que leva por título “Nsaio en Mugardos”, e que o obxectivo é apoiar o traballo dos músicos noveis da localidade. Saíron un cento de copias, das que unha parte irá para os centros educativos e a biblioteca municipal e o resto se repartirá aos músicos.
 
Alma de Piedra, Wisdom, Cadaleito, Lume no Faiado, Malatesta, Las naranjas mecánicas, Kike Domínguez, Argemiro Vilar Peña, Os Bolas e Toxos da Rúa son os grupos que conforman a actual “comunidade de veciños” dos locais de ensaio dos Novás e que participaron na gravación do cedé. Son formacións de diferentes estilos e con máis ou menos experiencia, que terán neste disco unha canle de difusión da súa música.
 
Os Locais de Ensaio dos Novás ocupan unha vella escola, na zona da Pedreira, e contan con dúas salas de ensaio e dous almacéns. En total, o inmoble de titularidade municipal dispón de máis de 127 metros cadrados, nos que os grupos musicais poden reservar as súas horas para tocar de xeito gratuíto, dentro dun amplo horario de luns a domingo. Recentemente o Concello de Mugardos investiu uns 2.500 euros nalgúns materiais de audio, amplificadores, altofalantes, etc, para substituír elementos que quedaran obsoletos e melloraron a dotación.
 
As formacións musicais interesadas en utilizar os Locais de Ensaio de Mugardos poden dirixirse á OMIX, no Concello, para obter máis información.