Luns, 22 Xullo de 2019

Un total de 47 nenos e nenas participan desde hoxe nos Espazos Infantís de Xogo de Mugardos e Franza

/ Martes, 02/07/2019 - 15:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Parte dos rapaces utilizarán o servizo de xantar que ofrece o Concello.

Un total de 47 nenos e nenas de 3 a 12 anos estrean hoxe unha nova edición do Espazo Infantil de Xogo, a proposta do Concello de Mugardos para a conciliación da vida laboral e familiar durante os meses de verán, na que se fai unha doble aposta pola diversión da cativada e a súa formación en valores como a igualdade, a convivencia, a saúde ou o consumo responsable. A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e a concelleira de Cultura e Educación, Lola González, visitaron esta mañá os colexios Unión Mugardesa e Santiago Apóstolo, nos que se vai desenvolver o programa.
 
O programa, que inicialmente tiña lugar so no Unión Mugardesa e que desde o verán do ano pasado ofrece un segundo espazo infantil de xogo no colexio de Franza, brindou aos pais e nais a posibilidade de facer uso do servizo de almorzo e xantar, facendo o horario completo de 08.00 a 14.00 horas ou ben reducido, de 10.30 a 14.00 horas. Finalmente ningunha familia solicitou o servizo de almorzo, aínda que si haberá doce usuarios do xantar.
 
As actividades organízanse en catro quendas de quince días en ambos os dous colexios, aínda que na última quincena de agosto non haberá Espazo Infantil de Xogo en Franza por non rexistrarse o número mínimo de solicitudes. A participación no programa está subvencionado en función da renda para as familias de Mugardos. A concelleira de Cultura, Lola González, explicou que persoal técnico especializado ocuparase de desenvolver actividades para os nenos e nenas, acaídas para que o pasen ben e reforcen valores como a igualdade, e que estas terán lugar habitualmente nas instalacións escolares, aínda que tamén haberá algunha excursión pola contorna.
 
ÁBRESE O PERÍODO DE INSCRICIÓN NOS COMEDORES ESCOLARES PARA O VINDEIRO CURSO
 
Ata o vindeiro día 15 de xullo estará aberto o prazo de inscrición no servizo de comedor escolar para o vindeiro curso, tanto no CEIP Unión Mugardesa como no CEIP Santiago Apóstolo. Poden facer uso dos meses, segundo recordou a concelleira de Educación, Lola González, tanto os nenos e nenas de Infantil e Primaria destes centros como os estudantes de Secundaria e Bacharelato do IES Mugardos.
 
Ao fío da apertura do prazo de inscrición, desde o Concello informouse de que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional remitiu xa á administración local un novo convenio para a subvención do servizo de comedor. É o correspondente aos cursos 2019/2020 e 2020/2021, no que como nos anos anteriores a Xunta subvencionará unha parte dos xantares –outra provén do Concello-, mentres que as axudas ás familias para facer fronte aos almorzos asúmeas en exclusiva o Concello.
 
Así, segundo o novo convenio, a Xunta aportará 56.248 euros para os dous cursos. Por anualidades, corresponderán 9.006 euros para o que resta de calendario lectivo deste ano 2019; 28.124 euros para o 2020 e 19.118 euros para o ano 2021.
 
As familias tense que dirixir ao Departamento de Servizos Sociais para solicitar praza.