Domingo, 15 Setembro de 2019

II edición do Certame de Pintura Rápida 2019

/ Venres, 05/07/2019 - 15:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O concurso desenvolverase o día 19 ao longo de toda a xornada e os artistas poderán poñer á venda as obras non premiadas tras o fallo do xurado.

A concelleira de Cultura, Lola González, informou de que está aberta a inscrición na segunda edición do Certame de Pintura Rápida “Concello de Mugardos”, que se vai desenvolver o vindeiro día 19 de xullo, no marco do programa de Festas de Verán na vila. As persoas interesadas poden apuntarse de balde na OMIX ata o día 18 ou ben o mesmo día 19, facelo no mesmo lugar a primeira hora, de 09.00 a 10.00 horas. A obra gañadora da primeira edición, de Richard García Rodríguez, ilustra o cartel desta nova convocatoria, coa que se quere avanzar cara á consolidación dunha actividade orientada a promover a cultura e destacar os valores pictóricos da vila mugardesa.
 
Segundo recordou a edil de Cultura, Lola González, haberá dúas categorías, a de maiores de 18 anos, na que o primeiro premio recibirá 1.000 euros; e outra para menores de 18 anos, na que a recompensa será un maletín con material de pintura valorado nun máximo de 300 euros. O xurado poderá también fallar dous accesits en cada unha destas categorías.
 
De novo, os pintores e pintoras poderán elixir calquera rincón do término municipal de Mugardos. O lema volve ser “Mugardos con todos os sentidos”, de maneira que as obras poden abordar calquera tema ligado á vila, ben sexa unha paisaxe, persoas, costumes, etc.
 
O certame desenvolverase o día 19 desde as nove da mañá ata as seis da tarde. As persoas participantes deberán pasar pola OMIX entre as nove e as once da mañá para selar os seus soportes, antes de comezar a pintar.  Estes non poderán ter menos de 50 centímetros nin máis de 100 centímetros en cada lado e deberán ser lisos, ríxidos e de cor branca.
 
A hora de entrega das obras será de 17.00 a 18.00 horas no punto de control que a organización terá montado na OMIX, Praza do Concello, dende ese momento, quedarán expostas ao público nos cabaletes de cada concursante. A partir das 19.00 horas darase lectura do fallo do Xurado, polo Concello de Mugardos, sendo a súa decisión inapelable.
 
Lola González comentou que a primeira edición foi un éxito de participación, con 35 inscricións e artistas chegados de diferentes puntos da contorna e mesmo de fóra da comunidade galega. A responsable espera que esta segunda convocatoria volva contar co mesmo nivel en canto a cantidade e tamén á calidade das obras. As pinturas feitas no certame, e outras dos participantes, poderán poñerse á venda por parte dos seus autores despois da lectura do fallo do xurado.
 
Consulta as bases do certame e a ficha de inscrición nos seguintes arquivos engadidos.

1495