Domingo, 15 Setembro de 2019

A lancha de Mugardos converteuse no mellor escenario para a presentación das festas de verán de Mugardos.

/ Luns, 08/07/2019 - 11:18
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A bordo serviuse polbo á mugardesa e empanada do polbo para destacar a calidade da celebración gastronómica que o próximo día 13 abre o calendario festivo da vila.

A lancha de Mugardos acolleu o venres a presentación das Festas de Verán da vila, que comezarán o 13 de xullo coa XXIX Festa do Polbo e que se prolongarán ata o 22, nun programa de dez días que abrangue as celebracións do Carme e que, na liña do que xa pasou o ano pasado, o Concello aproveita para ofrecer máis e mellores espectáculos e actividades para todos os públicos. A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e a concelleira de Cultura, Lola González, destacaron a evolución da Festa do Polbo, que nas últimas edicións contou con máis de 15.000 visitantes e que de novo este ano prevé converter a vila nun polo de atracción pola calidade da súa gastronomía e polo nutrido programa de espectáculos e actividades impulsado polo Concello.
 
A presentación da Festa do Polbo contou coa presenza de representantes do goberno local e de diversas entidades culturais e sociais da vila de Mugardos, así como dunha representación institucional doutros concellos da contorna, entre os que se contaron o alcalde de Fene, Gumersindo Galego; e a concelleira Ana Lamas, do Concello de Ferrol. Racións de empanada de polbo á mugardesa e de polbo á mugardesa, como as que se servirán o vindeiro día 13, foron degustadas a bordo da lancha nun paseo pola ría que, como destacou a concelleira de Cultura, Lola González, constitúe o mellor medio de difusión dos atractivos da vila mariñeira. A edil animou a todos “a participar das festas e vir a gozar do polbo como o preparamos en Mugardos, dunha maneira distinta e propia” así como a acudir aos concertos e propostas para toda a familia que van animar a vila durante dez días.
 
No programa destacan os concertos, con formacións de primeira liña e diferentes estilos, e os espectáculos para o público infantil. Todas as actividades programadas serán de entrada libre e gratuíta.
 
DÍA 13 DE XULLO: XXIX FESTA DO POLBO: a celebración gastronómica por excelencia de Mugardos, declarada de Interese Turístico no ano 2009 pola Xunta de Galicia, desenvolveranse baixo unha gran carpa na praza da Constitución. Ás 12.00 horas abriranse as taquillas para a venda de tickets e ás 13.00 horas comezará a degustación. Degustaranse 1.500 quilos de polbo á mugardesa, en máis de 3.000 racións, ao prezo de 10 euros, acompañado de pan e viño, servidos en prato e taza de alfarería de Buño. O chef Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, será o encargado de preparar o prato estrela, ao que se sumará un ano máis a empanada de polbo á mugardesa, da que tamén se prevé servir unhas 3.000 racións ao prezo de dous euros.
 
A vila vivirá unha xornada festiva con máis de 15.000 visitantes, que poderán gozar tamén con espectáculos de rúa e unha verbena. A Charanga Mekánica actuará pola zona do peirao a partir das 13.30 horas e pola tarde, ás 17.30 horas, comezará un pasarrúas os Kilomberos de Montealto. O Grupo Claxxon amenizará a verbena pola noite, a partir das 22.30 horas, sobre o escenario que se instalará no Cantón de Cora.
 
Cómpre sinalar que haberá lanchas cada hora desde Ferrol a partir das dez da mañá, ata as dez da noite. E funcionarán autobuses lanzadeira, gratuítos, desde o aparcamento público situado en las proximidades de Forestal del Atlántico, todo o día entre as 11.30 e as 22.00 horas.
 
DÍA 14 DE XULLO: o grupo de teatro Ghazafelhos, actuará ás 19.30 horas na recén ampliada Praza do Concello. Porá en escea o espectáculo “A illa sen tesouro”, dirixida ao público familiar. Sisters in the house, un grupo vocal da Coruña, actuará pola noite, baixo a carpa instalada no parque da Constitución, a partir das 22.30 horas. No seu repertorio hai tanto clásicos da música negra como temas populares galegos arranxados desde unha visión máis actual.
 
DÍA 15 DE XULLO: o grupo Ialma será o protagonista neste luns. Trátase dun quinteto de cantareiras afincadas en Bélxica que ofrecen unha interpretación particular de temas de música tradicional, tanto en galego como noutros idiomas. O concerto será a partir das 22.30 horas, na carpa do parque da Constitución.
 
DÍA 16 DE XULLO: o martes chega a quenda de La Guardia, a banda de rock que triunfou nos anos 80 e que regresou a partir de 2003, ofrecerá un concerto no parque da Constitución. Será a partir das 22.30 horas e nel repasarán os seus grandes éxitos.
 
DÍA 17 DE XULLO: de novo haberá noite de rock baixo a carpa do parque da Constitución. Miguel Costas, o músico que triunfou da man de grupos tan coñecidos como Siniestro Total, ofrecerá o seu repertorio cos temas míticos que popularizou con esta e outras formacións. A partir das 22.30 horas.
 
DÍA 18 DE XULLO: pola tarde haberá festa para os máis pequenos, coa actuación do grupo Teatro Calavera. Ás 19.30 horas na praza do Concello porá en escea a peza “Festa pirata na Illa Calavera”.
 
A noite do xoves será a da gran gaiteira Susana Seivane, herdeira dunha tradición musical familiar, que vai presentar en Mugardos o seu novo traballo discográfico “Fa”. Será a partir das 22.30 horas no parque da Constitución.
 
DÍA 19 DE XULLO: o venres, véspera doutro fin de semana de intensidade festiva na vila, Mugardos acollerá a segunda edición do seu Certame de Pintura Rápida. A cita, que o ano pasado contou coa participación de máis de 35 artistas, servirá para que os pintores retraten ao longo do día diferentes rincóns e paisaxes da vila. As súas obras exporanse pola tarde, cando o xurado tamén dará a coñecer o seu fallo.
 
O mesmo venres, Mugardos acollerá tamén unha nova edición do Festival de Folklore Internacional. Os grupos Alxibeira, de Narón; Kincso, de Eslovaquia; Soy del Perú; Ri Ualanegli, de Italia; e Aborigen, de Uruguay, participarán nun desfile desde o Concello ata o parque da Constitución, no que a xente poderá contemplar os seus vistosos traxes rexionais, para despois actuar sobre o escenario.
 
DÍA 20 DE XULLO: a mañá no peirao estará animada por un pasarrúas da Rondalla Mugardesa, a partir
das 13.30 horas. Pola tarde terá lugar outro espectáculo para o público infantil, ás 19.30 horas na praza do Concello, a cargo de Pistacatro.
 
Pola noite, sucederanse dous concertos de bandas tributo: Rock&Rios Band, a partir das 22.30 horas, en homenaxe a Miguel Ríos, e 500 Noches, unha formación de tributo a Joaquín Sabina que actuará a partir das 00.30 horas e que repite no municipio por segundo verán consecutivo. Entre os dous concertos haberá unha sesión de fogos artificiais.
 
DÍA 21 DE XULLO: a rúa do Peteiro acollerá un gran tobogán acuático. De catro a oito da tarde, os nenos e nenas poderán gozar escorregando pola atracción inchable, de 65 metros, para o que deberán levar roupa de baño.
 
No parque da Constitución, esta mesma tarde, celebrarase o III Festival da Canción Mariñeira, na que tomarán parte como formacións invitadas a Coral Santa María da localidade cántabra de Castro Urdiales e a coral Máximo Gorki de Vigo, xunto coa local Estelas do Mar.
 
DÍA 22 DE XULLO: para rematar o programa festivo, terá lugar a Romaría no Parque de Río Seco, en Roibeiras.
 
1492