Luns, 18 Novembro de 2019

O concello disporá os aparcadoiros necesarios para facilitar a afluencia á Festa do Polbo

/ Mércores, 10/07/2019 - 11:39
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O dispositivo acordado na Xunta de Seguridade conleva o peche ao tráfico das rúas que levan ao porto.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, recordou que durante o vindeiro sábado, cando se celebra na vila a Festa do Polbo, estarán cortadas ao tráfico as rúas que levan ao porto, tal e como dispuxo a Xunta Local de Seguridade o pasado día 28 de xuño. A rexedora explicou que o Concello habilitará ata nove aparcadoiros disuasorios fóra da área restrinxida, que permitirán aos milleiros de visitantes que se esperan ese día deixar os seus vehículos sen complicacións e acceder a pé ao centro e a zona do peirao. Un destes aparcadoiros estará situado xunto ao complexo industrial de Punta Promontoiro e haberá un autobús lanzadeira que fará durante todo o día, desde as 11.30 ás 22.00 horas percorridos desde alí ata o centro.
 
Segundo o establecido na reunión da Xunta de Seguridade, na que participaron a subdelegada do Goberno e a propia alcaldesa, xunto coa Garda Civil e a Policía Local, desde as 12.00 horas do sábado día 13 ata as 08.00 horas do domingo 14 estarán cortadas ao tráfico as seguintes rúas de Mugardos: a Avenida de Galicia desde o bar Picas ata a rotonda da Avenida do Mar; Castelao, Apelón desde o cruce con rúa do Mercado, Corzás, María, Cano da Rúa, Pixigo, Real, Catro Ventos, Barral, Cotellón, Lousido, Alta, Peteiro desde o Taller Ángel Puentes e Praza da Igrexa.
 
Ademais do estacionamento nos nove aparcadoiros que estarán debidamente sinalizados, oito deles no casco urbano de Mugardos, cómpre recordar que moitos visitantes acudirán a degustar o polbo cruzando a ría a bordo da lancha. O servizo de lanchas desde Ferrol funcionará ese día cada hora, desde Ferrol e Mugardos, entre as 10.00 e as 22.00 horas.
 
Pilar Díaz agradeceu a colaboración da cidadanía neste dispositivo, que conleva que tampoco os veciños e veciñas poidan aparcar nas rúas cortadas, e expresou a súa confianza en que a nova disposición permita a todos e todas gozar con máis comodidade e seguridade da festa.
 
Por outra banda, onte desenvolvéronse os obradoiros de globoflexia que cada ano preceden á Festa do Polbo e nos que nenos e nenas da vila fan os seus polbiños, para decorar fachadas e contribuír a animar a vila nestas festas.