Domingo, 22 Setembro de 2019

Está aberta a inscrición para o Certame de Pintura Rápida Concello de Mugardos

/ Martes, 16/07/2019 - 12:24
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
Os e as artistas poderán apuntarse tamén o mesmo venres, a primeira hora da mañá, ao tempo que selan os seus soportes.
A concelleira de Cultura, Lola González, recorda que está aberta a inscrición na segunda edición do Certame de Pintura Rápida “Concello de Mugardos”, que se vai desenvolver este venres, día 19 de xullo, no marco do programa de Festas de Verán na vila. A edil comentou que o pasado ano se achegaron 35 artistas ao concurso, que tivo un alto nivel, e que a pretensión é consolidar a cita como unha referencia para promover a cultura e darlle pulo aos valores pictóricos da vila mugardesa.
 
Os pintores e pintoras interesados en participar poden inscribirse nas oficinas da OMIX, no Concello, de 09.00 a 14.00 horas, ata o xoves, ou ben o mesmo día do certame, nas mesmas oficinas, entre 09.00 e 10.00 horas. No certame hai dúas categorías, a de maiores de 18 anos, na que o primeiro premio recibirá 1.000 euros; e outra para menores de entre 6 e 17 anos, na que a recompensa será un maletín con material de pintura valorado en 300 euros. O xurado poderá también fallar dous accesits en cada unha destas categorías. De novo, os pintores e pintoras poderán elixir calquera rincón do térmo municipal de Mugardos. O lema volve ser “Mugardos con todos os sentidos”, de maneira que as obras poden abordar calquera tema ligado á vila, ben sexa unha paisaxe, persoas, costumes, etc.
 
O concurso desenvolverase o día 19 desde as nove da mañá ata as seis da tarde. As persoas participantes deberán pasar pola OMIX entre as nove e as once da mañá para selar os seus soportes, antes de comezar a pintar. Estes non poderán ter menos de 50 centímetros nin máis de 100 centímetros en cada lado e deberán ser lisos, ríxidos e de cor branca. Entre as cinco e as seis da tarde, as obras presentaranse no punto de control da OMIX e quedarán expostas na Praza do Concello sobre os cabaletes que cada artista deberá levar tamén. A partir das sete da tarde o xurado fará lectura do seu fallo.
 
Por outra banda, continúa o programa das Festas de Verán, coas que a vila bule estes días de actividade. Esta noite chega a quenda de La Guardia, a banda de rock que triunfou nos anos 80 e que regresou a partir de 2003. A formación ofrecerá un concerto no parque da Constitución. Será a partir das 22.30 horas e nel repasarán os seus grandes éxitos.
 
A formación de Manuel España, nada nos anos 80 na cidade de Granada, chegou aos primeiros postos das listas de vendas con temas como “Mil calles llevan hacia ti” ou “Cuando brille el sol”. Ao igual que outros artistas e grupos daqueles anos dourados para o rock nacional, despois dun tempo afastados dos escenarios regresaron para seguir editando novos temas e voltar a ofrecer ao público as cancións que os levaron á fama.
 
De novo mañá Mugardos gozará doutra noite de rock baixo a carpa do parque da Constitución. Miguel Costas, o músico que triunfou da man de grupos tan coñecidos como Siniestro Total, Aerolíneas Federales e Los Feliz ofrecerá o seu repertorio cos temas míticos que popularizou con esta e outras formacións. O público poderá bailar e cantar temas como “No me beses en los labios” ou “Soy una punk”, so dous das máis de 300 cancións compostas por este músico incombustible que leva desde 1982 sobre os escenarios e máis de 22 álbumes publicados. A cita será de novo na praza da Constitución, ás 22.30 horas.
 
Estes concertos, como todas as actividades programadas nas Festas de Verán polo Concello de Mugardos, serán de entrada libre e gratuíta.
 
1502