Luns, 16 Decembro de 2019

Mugardos celebra este sábado unha gran noite de rock con tributos a Miguel Ríos e Sabina

/ Xoves, 18/07/2019 - 13:46
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O programa de Festas de Verán segue ata o vindeiro luns, ofrecendo actividades e propostas para todos os gustos.

O programa de Festas de Verán en Mugardos achégase con folgos ao seu segundo fin de semana, no que haberá actividades para todos os gustos. De novo hoxe toca concerto no parque da Constitución, nesta ocasión a cargo da gaiteira Susana Seivane. A xornada de mañá estará adicada ao II Certame de Pintura Rápida “Concello de Mugardos” e o Festival de Folklore Internacional, e a noite do sábado está reservada para dous concertos consecutivos, de homenaxe a Miguel Ríos e a Joaquín Sabina, cunha sesión de fogos artificiais polo medio. A concelleira de Turismo, Lola González, destacou a boa afluencia que están a ter os concertos e outras actividades do programa, todas de acceso gratuíto e que a xente pode gozar sen masificacións. A edil chamou á xente de toda a contorna a participar das festas da vila, das que aínda quedan varias xornadas con moi diversas propostas.
 
HOXE: pola tarde haberá festa para os máis pequenos, coa actuación do grupo Teatro Calavera. Ás 19.30 horas na praza do Concello porá en escea a peza “Festa pirata na Illa Calavera”. Susana Seivane, herdeira dunha tradición musical familiar, presenta en Mugardos o seu novo traballo discográfico “Fa”. Será a partir das 22.30 horas no parque da Constitución.
 
MAÑÁ: Mugardos acolle a segunda edición do seu Certame de Pintura Rápida. A cita, que o ano pasado contou coa participación de máis de 35 artistas, servirá para que os pintores retraten ao longo do día diferentes rincóns e paisaxes da vila. As súas obras exporanse pola tarde na Praza do Concello, cando o xurado tamén dará a coñecer o seu fallo.
 
Festival de Folklore Internacional: Os grupos Alxibeira, de Narón; Kincso, de Eslovaquia; Soy del Perú, e Aborigen, de Uruguay, participarán nun desfile que partirá do Concello ás 20.00 horas e irá ata o parque da Constitución. Alí, ás 21.00 horas, comezará o festival.
 
SÁBADO, DÍA 20: a mañá no peirao estará animada por un pasarrúas da Rondalla Mugardesa, a partir das 13.30 horas. Pola tarde terá lugar outro espectáculo para o público infantil, ás 19.30 horas na praza do Concello, a cargo de Pistacatro.
 
Pola noite, sucederanse dous concertos de bandas tributo: Rock&Rios Band, a partir das 22.30 horas, en homenaxe a Miguel Ríos, e 500 Noches, unha formación de tributo a Joaquín Sabina que actuará a partir das 00.30 horas e que repite no municipio por segundo verán consecutivo. Entre os dous concertos haberá unha sesión de fogos artificiais.
 
As festas continuarán aínda ata o luns.