Luns, 16 Setembro de 2019

Presentación do libro Rosalía no Seixo

/ Luns, 22/07/2019 - 11:50
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O acto será este mércores ás 20.00 horas e contará coa intervención de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
A concelleira de Cultura, Lola González, informa de que este mércores, día 24, celebrarase no local da Asociación de Amigos da Paisaxe Galega a presentación do libro “A festa do Seixo na beira do mar... Rosalía de Castro e a fábrica”. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presentará a publicación na que se recolle o traballo de investigación de Henrique Sanfiz, Jorge Gómez, Miguel Rodríguez e Xan Carneiro. A edil invitou a asistir a un acto no que se vai falar da autora e a súa poesía, do seu vencello co Seixo e tamén dun capítulo importante da historia desta parroquia de Mugardos, concretamente a que ten que ver coa fábrica de tecidos que funcionou alí de 1845 ata 1896.
 
A investigación dos catro autores citados despexa dúbidas sobre os versos “Si a vernos, Marica, nantronte viñeras/ á festa do Seixo na beira do mar/ ti riras, Marica, cal nunca te riches/ debaixo dos pinos do verde pinar”, que corresponden á obra “Cantares Gallegos”. Rosalía de Castro refírese á festa do Seixo, a única que se celebraba naquela época e á que a poeta tería asistido pola súa relación coa familia López de la Fuente, propietaria da fábrica de tecidos e con intereses comerciais e negocios en Santiago a Padrón.
 
A concelleira Lola González recordou que este traballo, agora editado na imprenta da Deputación da Coruña, foi o punto de partida para que a administración local de Mugardos decidise poñer en valor a vinculación da vila con Rosalía de Castro. Descubriuse o pasado verán unha placa no número 107 da avenida do Seixo na que poden lerse os versos da poeta e, entre outras actividades, declarouse a celebración institucional do Día de Rosalía, de maneira que Mugardos a recordará ano a ano e o municipio acrecentará o seu coñecemento e relación coa autora.