Xoves, 22 Agosto de 2019

Pilar Díaz convoca aos grupos municipais a facer fronte común contra o peche da Escola do Seixo

/ Martes, 30/07/2019 - 09:13
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Hoxe haberá unha Xunta de Voceiros e unha reunión informativa para os veciños e veciñas.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informa de que vai convocar para hoxe unha reunión de portavoces de todos os grupos municipais coa finalidade de fixar unha postura unánime de rexeitamento do peche da Escola Infantil do Seixo, despois de que onte se publicase no Diario Oficial de Galicia tal disposición por parte da Consellería de Educación.

Na mesma reunión, que está previsto celebrar ás 12.00 horas, tamén se vai propoñer a convocatoria dun pleno urxente para o mércores desta semana para ratificar a declaración por parte do Concello de Mugardos.

Pilar Díaz tamén anunciou a convocatoria dunha reunión veciñal para hoxe, ás 20.00 horas, no local da Asociación de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo, coa finalidade de informar da situación.

A alcaldesa manifestou o seu total desacordo coa resolución da Consellería, que a administración adopta porque para o vindeiro curso hai un alumno menos do mínimo establecido. Segundo a alcaldesa, o traslado destes nenos e nenas ao colexio de Franza obrigaría a abrir alí unha nova liña e recordou que o Concello de Mugardos vén de asumir o arranxo da escola, cun investimento de preto de 48000 euros en obras que afectaron á estrutura do edificio e que, por tanto, eran responsabilidade da administración autonómica.