Xoves, 22 Agosto de 2019

O Club do Mar celebra este sábado a VIII Festa do Marisco

/ Xoves, 01/08/2019 - 14:44
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Serviranse racións de mexilóns, navallas, cigalas e churrasco a partir das 13.00 horas e a degustación continuará pola noite.

O Club do Mar de Mugardos organiza para este sábado, coa colaboración do Concello, a oitava edición da súa Festa do Marisco. A entidade servirá a partir das 13.00 horas e ao longo de todo o día, ata a noite, racións de mexilóns, navallas e cigalas, así como churrasco, nunha carpa disposta o efecto no Cantón de Cora. A concelleira de Turismo, Lola González, animou á xente de toda a contorna e aos visitantes que pasan estes días pola comarca a achegarse nesta xornada á vila mugardesa e aproveitar
o ambiente festivo e a boa gastronomía a prezos populares.
 
O presidente do Club do Mar, Guillermo Pereira, explicou que a recadación servirá para financiar as actividades da entidade, entre as que están a próxima participación do equipo feminino de traineras na Bandeira da Concha, en San Sebastián, por segundo ano consecutivo.
 
Pereira remarcou que, pola experiencia de anos anteriores, a festa ten materia prima suficiente para garantir a degustación ao mediodía e tamén pola noite, sen que se agoten as existencias. A ración de mexilóns será a cinco euros, e as de cigalas e navallas serán a 12 euros, mentres que o churrasco venderase a 10 euros. No prezo van incluídos o viño e o pan. Segundo comentou, prepararanse 250 quilos de mexilón, 100 de navallas, e 130 de cigalas, así como 150 quilos de churrasco e se espera unha afluencia similar á de anos anteriores, cando se serviron en torno a 600 racións.
 
Para animar a festa haberá actuacións musicais na sesión do mediodía e da noite. A partir das 13.00 horas actuará Ángel Habana e a partir das 22.00 horas, Dani Arroyo.
 
Travesía a Nado e campaña “Non sexas pirata”
 
A Festa do Marisco coincidirá este sábado con outras actividades vencelladas ao mar en Mugardos. Así, nesa
xornada terá lugar a Travesía a Nado “Concello de Mugardos”, na que xa hai 24 inscricións, e coa campaña
“Non sexas pirata”, que se vai desenvolver na praia da Bestarruza e ten como obxecto concienciar ao público da importancia de respectar a actividade marisqueira. Trátase dunha proposta dirixida a combater o chamado “furtivismo de bañador” aportando aos bañistas cumprida información sobre o que representa económica e socialmente o marisqueo e das consecuencias de atentar contra a súa sostenibilidade. A campaña estará  activa durante toda a xornada, entre as nove da mañá e as nove da noite.