Domingo, 25 Agosto de 2019

O Concello publica a listaxe provisional de Axudas ao Ensino e Transporte do curso 2019/2020

/ Martes, 06/08/2019 - 10:01
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
As persoas interesadas poden presentar reclamacións ata este venres e no mes de setembro abrirase un novo prazo de solicitude.

A concelleira de Educación, Lola González, informou de que ata este venres está aberto o prazo para presentar reclamacións á listaxe provisional de axudas ao ensino e transporte para o curso 2019/2020, que se pode consultar na web. O Concello de Mugardos reserva un orzamento de 32000 euros para estas axudas, que van destinadas a sufragar tanto o gasto de compra de libros e material escolar como o transporte de mozos e mozas que estean matriculados fóra do municipio.

Lola González recordou que, tras o estudo das reclamacións, publicarase a proposta de axudas definitiva e que no vindeiro mes de setembro abrirase unha nova convocatoria. Os fondos repártense segundo criterios económicos, favorecendo ás familias con menos recursos.

As subvencións para o ensino oscilan entre os 20 euros e os 250 euros por alumno/a, en función da renda e do nivel educativo. No capítulo do transporte, a contía é de 200 euros por solicitante, sempre que cumpra os requisitos, entre o que está o de cursar estudos de formación regrada en centros públicos de fóra de Mugardos e de fóra dos concellos que abrangue a Área de Transporte Metropolitano de Ferrol.