Xoves, 22 Agosto de 2019

A colaboración entre o Concello e os taxistas da vila dalle pulo a un novo servizo turístico

/ Mércores, 07/08/2019 - 15:16
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O programa “Mugardos en taxi” ofrece percorridos de hora e media, ou máis prolongados, cun prezo pechado de antemán.

Os taxistas da vila veñen de poñer en marcha o novo servizo turístico “Mugardos en taxi”, que proporciona aos visitantes unha forma flexible e cómoda de coñecer os principais atractivos da vila.

A concelleira de Turismo, Lola González, explicou que os profesionais contaron coa colaboración do Concello para lanzar esta iniciativa, “que vai facer máis accesibles os lugares con encanto da localidade, para visitantes que chegan sen vehículo propio, persoas con movilidade reducida e, en xeral, para pequenos grupos que contan así coa posibilidade de darlle unha volta rápida ao municipio facendo paradas nos puntos máis destacables”.

Desde a Oficina de Turismo de Mugardos proporciónase información sobre o servizo. De entrada están definidas dúas rutas:

  1. A panorámica de Mugardos: Parte do peirao e pasa pola Casa da Serea, na fachada marítima da vila; polo Centro de Interpretación de Caldoval, pola baliza da Palma e polo castelo.
  2. E a do Seixo: Ten a súa primeira parada na enseada da Barca e no seu novo miradoiro; continuando por Beiramar, o Campo do Río, a placa en memoria de Rosalía de Castro na avenida do Seixo, e rematando polas casas indianas da zona do Xuncedo.

Cada unha delas faise nunha hora e media e custa 35 euros, porén cabe a posibilidade de contratar unha combinada das dúas, por 60 euros, que ten unha duración de dúas horas e media. Se os usuarios ou usuarias queren facer máis longa a visita, o taxi cobrará catro euros por cada 15 minutos adicionais.

O Concello proporcionou aos taxistas información sobre os lugares polos que van os percorridos para facilitarlles o seu papel de cicerones.

As persoas interesadas en reservar os percorridos poden facelo chamando ao número 981 470 685, ou ben informarse a través da Oficina de Turismo.