Luns, 16 Setembro de 2019

O goberno local atópase co rexeitamento total de Educación a manter a Escola do Seixo

/ Xoves, 08/08/2019 - 15:18
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local convoca unha asemblea veciñal no Seixo, ás 20.00 horas de esta tarde, para informar ás familias.

A Consellería de Educación mantén inamovible a súa decisión de pechar a Escola Infantil do Seixo, segundo o manifestado polo delegado territorial, Indalecio Cabana, na reunión que mantivo esta mañá coa alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, a concelleira de Educación, Lola González, e dúas nais que acudiron en representación da ANPA.

Pilar Díaz explicou que desde o goberno local solicitouse que a decisión se retrase ata setembro e que o período de matrícula permaneza aberto ata esa data, como pasa no resto dos centros, dado que é unha única matrícula a que separa ao centro da súa continuidade –a Consellería establece seis matrículas como mínimo e existen a estas alturas cinco-. Porén, a negativa foi firme por parte do representante de Educación, que tamén rexeitou deixar a porta aberta á reapertura do centro en vindeiros cursos se existise alumnado suficiente.

Ante a situación, a alcaldesa convocou para hoxe mesmo ás 13.00 horas unha reunión da Xunta de Voceiros, na que se informou do resultado da reunión, e unha asemblea veciñal para esta tarde, ás 20.00 horas, no local da Asociación de Amigos da Paisaxe Galega. A alcaldesa explicou que a vontade do goberno local será acompañar e apoiar ás familias afectadas nas súas decisións ao respecto.