Domingo, 25 Agosto de 2019

Trofeo "Concello de Mugardos" de fútbol masculino

/ Luns, 12/08/2019 - 09:20
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O clásico da pretemporada disputarase o día 15, ás 19.00 horas con entrada gratuíta.

A alcaldesa Pilar Díaz vén de reunirse co presidente do Club Galicia de Mugardos, Domingo Martínez, para abordar a celebración da 48ª edición do Trofeo “Concello de Mugardos” de fútbol, unha cita clásica da pretemporada que adoita levar a un importante volume de público ao campo municipal da Pedreira. De novo este ano, como xa sucedeu o pasado agosto, o equipo local enfrontarase ao Club Deportivo As Pontes. O partido comezará ás 19.00 horas e a entrada será gratuíta.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, felicitou ao Club Galicia de Mugardos pola súa recente clasificación para as semifinais da Copa Diputación e desexoulle a vitoria no próximo partido que vai disputar este domingo, día 11, tamén no campo municipal da Pedreira. Recordou que o equipo pechou a temporada pasada cun merecidísimo ascenso a Preferente Autonómica e expresou a súa confianza en que o futuro inmediato lle depare novas alegrías.

Tanto a rexedora local como o responsable da entidade deportiva destacaron a veteranía do trofeo “Concello de Mugardos” e invitaron a todos os afeccionados e afeccionadas ao fútbol da contorna a acudir ao campo da Pedreira para encher de bo ambiente as gradas e animar un partido que sempre é unha ocasión para medir forzas de cara ao comezo do novo campionato de liga.