Venres, 18 Outubro de 2019

Mugardos enxalzará o seu carácter mariñeiro co II Encontro de Embarcacións Tradicionais

/ Mércores, 14/08/2019 - 08:20
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Arredor dunha vintena de barcos chegarán o sábado 17 á vila, punto final dunha travesía de catro días.

A vila de Mugardos enxalzará esta fin de semana o seu carácter mariñeiro coa celebración do II Encontro de Embarcacións Tradicionais. Segundo explicou a concelleira de Cultura e Turismo, Lola González, os barcos recalarán no peirao o sábado 17, ao término da cuarta e última etapa da travesía Rumbo Ártabro, que partirá de Ferrol este mércores e visitará os portos de Perbes, Sada, Lorbé e Ares.

A iniciativa do Concello de Mugardos de organizar o pasado ano o primeiro encontro deste tipo foi un acicate para que asociacións de embarcacións tradicional e concellos sumasen forzas para promover esta travesía, na que participa a asociación Culturmar e entidades de Ares, Ferrol, Miño, Betanzos, Perbes, Sada e Mugardos.

Está previsto que arredor de vinte embarcacións tradicionais participen na travesía, que chegará a Mugardos o sábado ao mediodía –o horario dependerá das condicións do mar-. Os barcos quedarán atracados na dársena do peirao, de maneira que a xente poida achegarse a velas. As tripulacións compartirán esa noite unha cea de confraternización no mesmo porto, baixo a carpa que estará instalada no Cantón de Cora.

No programa deste II Encontro de Embarcacións Tradicional haberá un obradoiro de nós, artes e aparellos de pesca, que se desenvolverá no porto de Mugardos a partir das 19.00 horas. Todas as persoas interesadas, tanto nenos e nenas de máis de oito anos como maiores, poden inscribirse gratuitamente na Oficina de Turismo. O obradoiro terá unha duración dunha hora e media e estará dirixido por un técnico en navegación e pesca, que aprenderá aos asistentes a confeccionar panos para a pesca empregando o cosido a man con agullas para redes e a realizar diferentes nós mariñeiros, todo de xeito totalmente práctico.