Domingo, 22 Setembro de 2019

Participa na II Noite de Estrelas!

/ Mércores, 21/08/2019 - 09:33
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O experto Antón Bouzas ofrecerá unha charla sobre os astros na cultura grecolatina e a continuación, se a meteoroloxía o permite, farase unha observación astronómica.

O Centro de Interpretación de Caldoval e a Concellaría de Cultura do Concello de Mugardos organizan a II Noite de Estrelas para o vindeiro sábado 24 de agosto, a partir das 22.00 horas. Ante o éxito da edición do ano pasado, no que se esgotaron as prazas nas primeiras horas de apertura da inscrición, decidiuse repetir esta apaixoante actividade. A concelleira Lola González animou a pequenos e maiores a achegarse para coñecer o que significaban os astros na cultura grecolatina.

A xornada será conducida Antón Bouzas, biólogo, paisaxista e experto en astronomía cultural, que xa estivo tamén dirixindo a xornada o pasado ano. Comezará ás 22.00 horas no exterior do Centro de Interpretación cunha breve charla introdutoria sobre a importancia do estudo dos astros desde a prehistoria e despois farase unha observación astronómica da cuberta celeste, sempre que o tempo o permita e o ceo estea liberado de nubes.

Para participar na Noite de Estrelas é preciso inscribirse pois as prazas son limitadas. Pódese enviar un mail a info@museocaldoval.gal ou chamar ao teléfono 687072116.