Sábado, 14 Decembro de 2019

Culminan as xestións do Goberno Local pola cesión en propiedade do Vehículo Motobomba do GES

/ Luns, 26/08/2019 - 12:49
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, destacou que en ningún momento o Grupo de Emerxencias Supramunicipal viu mermados os seus recursos.

O Diario Oficial de Galicia publica no día de hoxe a orde da Consellería de Medio Rural pola que se acorda a cesión en propiedade do vehículo motobomba que o Grupo de Emerxencia Supramunicipal vén utilizando desde hai pouco máis de dous anos en réxime de cesión de uso. A alcaldesa, Pilar Díaz, recordou que a cesión de uso se fixera despois de que o anterior vehículo resultara calcinado nun incendio en Mandiá e explicou que a figura da cesión de uso ten unha vixencia de dous anos e é improrrogable. Por esta razón, Díaz presentou diante da Secretaría Xeral Técnica de Medio Rural a solicitude de cambiar ao modelo de cesión en propiedade.

Ao mesmo tempo, a alcaldesa xestionou unha moratoria na cesión de uso durante a tramitación do novo acordo que, de feito, permitiu ao GES contar ininterrompidamente co vehículo motobomba. Pilar Díaz explicou que o acordo está xa so pendente da sinatura e que, tal como establece a orde hoxe publicada no DOG, o vehículo pasa a depender indefinidamente do Concello de Mugardos, aínda que a cesión podería ser revertida por razón de interés público ante unha necesidade urxente.

A alcaldesa agradeceu a boa disposición da xefa territorial de Medio Rural, Mónica López, ante a súa solicitude.