Domingo, 22 Setembro de 2019

O Concello alega ao Plan de Transporte para mellorar a conexión do Seixo e as liñas aos Centros Educativos

/ Martes, 27/08/2019 - 12:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, destaca o interese de garantir frecuencias para que a poboación da zona rural poida realizar xestións ou ir ao Centro de Saúde.

O Concello de Mugardos vén de presentar as súas alegacións ao anteproxecto de explotación do Plan de Transporte Público de Galicia no ámbito que afecta ao municipio, coa intención de que estes servizos introduzan melloras que permitan ofrecer unha maior asistencia á poboación do municipio. Segundo explicou a alcaldesa, Pilar Díaz, entre as alegacións que se formularon son de especial interese a que vai dirixida a facilitar o transporte en autobús desde O Seixo a Pontedeume, xa que hai un número significativo de mozos e mozas da zona matriculados no centro de FP da localidade eumesa, e tamén que se garantan parada e frecuencias para que a veciñanza do Seixo poida acudir polas mañás ao Centro de Saúde de Mugardos, aos servizos administrativos, oficinas bancarias, etc.

Así, no primeiro caso solicítase que se modifique o punto de partida da actual liña de autobús Rilo-Pontedeume, de maneira que o traxecto comece cunha parada no Seixo, facendo tamén un axuste de horarios para facilitar a asistencia dos usuarios aos centros educativos.

No tocante á conexión do Seixo con Mugardos, o Concello solicitou a incorporación dunha parada neste núcleo en varias liñas, de maneira que con frecuencia non superior a unha hora durante a mañá os veciños e veciñas da zona poidan coller o bus ao centro da vila.

Xunto con estas alegacións presentáronse outras dúas dirixidas a facilitar a viaxe desde Mugardos aos campus universitarios da Coruña. Así, por unha parte pídese que se garanta unha boa conexión coa parada de Fene, na que se enlaza para ir á universidade ou ao hospital da cidade herculina, e por outra solicítase unha nova liña de autobús que una Mugardos e os campus da Zapateira e Riazor.

Por último, no documento de alegacións tamén se incorporou unha medida para facilitar o acceso á praia de Chanteiro durante o verán. Actualmente, a liña que vai de Ferrol a este areal fai unha parada en Mugardos ao regreso, e o Concello solicita que o faga tamén á ida durante a tempada de verán.