Domingo, 22 Setembro de 2019

O Concello solicita á FEGAMP que leve á Xunta a demanda dunha Normativa Ambiental en Materia de Olores

/ Luns, 02/09/2019 - 13:29
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, cumpriu co compromiso acadado na recente reunión coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, vén de solicitar á Fegamp que traslade á Xunta a necesidade de implantar unha normativa ambiental que regularice os olores que poidan provocar actividades industriais como a de Forestal do Atlántico, dado que ao día de hoxe non existe ningunha sobre esta cuestión. Foi un compromiso acadado na recente reunión que mantivo a rexedora local, acompañada por representantes da Plataforma de Veciños de Meá, coa directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, María Cruz Ferreira, na que se expuxeron as molestias polos cheiros que ocasionalmente provoca a devandita empresa.

Naquela reunión, a responsable da Xunta tamén se comprometeu a tomar cartas no asunto e requerir á empresa para que corrixa a situación, que segundo explicaron as representantes da Plataforma Luz Marina Torrente e Irene García, se ten agravado nos últimos meses.