Domingo, 22 Setembro de 2019

Satisfacción no Goberno de Mugardos polos compromisos asumidos pola nova presidenta de Portos

/ Luns, 02/09/2019 - 13:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O ente comezou os traballos para redactar o documento de delimitación de usos portuarios, preciso para a futura desafectación, e vai valorar, nunha próxima visita de Susana Lenguas, o arranxo do paseo.
 

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e o primeiro tenente de Alcalde, José Ángel Martínez Bardanca, mantiveron esta semana unha reunión coa nova presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil, da que se extraeron novas positivas tanto para a demanda do municipio de desafectación de terreos portuarios como para o arranxo do paseo beiril de madeira, cun tramo pechado ao tránsito desde outubro de 2018 polo seu mal estado.

Así, na reunión abordouse o estado do proceso de reversión dos terreos portuarios. Neste punto, Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia ten en marcha o proceso para a elaboración do documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP). Trátase dun documento que é imprescindible para realizar o informe de innecesariedade dos terreos, paso previo para propor a desafectación dos terreos portuarios.

Hai que lembrar que, en outubro pasado o Concello de Mugardos xa remitiu á comisión de asuntos portuarios unha proposta para a reversión de terreos na fachada marítima. Nela divídese o frente portuario en tres zonas:

  1. A norte, que corresponde ao tramo desde a glorieta ata a Praza da Constitución.
  2. A central, que corresponde ao Cantón de Cora.
  3. E a oeste, na que está o novo peirao.

As dúas primeiras non teñen usos portuarios, senón residenciais e turísticos, motivo polo que se solicite a súa desafectación.

A confirmación, por parte de Portos de Galicia, de que xa se ten posto en marcha a elaboración do DEUP é valorado pola alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, “xa que abre a porta á recuperación do porto como espazo vertebrador da vida na nosa vila”. A rexedora apuntou que o proceso será longo, pero vai dirixido a cumprir cunha demanda avalada por unha ampla maioría da sociedade.

Ao fío deste obxectivo de desafectar a fachada marítima no tramo que vai desde o Club de Remo ata a Praza da Constitución, Pilar Díaz recordou que o seu goberno “segue coa tramitación da modificación do PXOM para a apertura do vial e a senda peonil que conectarán o porto coas Casas Baratas” e informou de que hai uns días o proxecto recibiu o informe favorable de AESA (Agencia Estatal de Seguridad Aérea). “Entendemos que nos vindeiros meses poderá elevarse ao pleno o documento para a aprobación inicial”, dixo.

Por outra banda, Susana Lenguas comprometeuse a visitar Mugardos para valorar in situ a conveniencia de acometer unha actuación de urxencia, se fora viable tecnicamente, ou ben de redactar un proxecto, do que habería que estudar o seu alcance, para subsanar as deficiencias que sufre o paseo de madeira do porto mugardés.

Pilar Díaz amosouse satisfeita pola concesión da reunión, solicitada polo Concello, e tamén polos compromisos acadados na mesma.