Domingo, 22 Setembro de 2019

O CEIP Santiago Apóstolo ten rematadas as obras de acondicionamento de cubertas e fachadas

/ Martes, 03/09/2019 - 10:58
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello ultima algunhas obras menores e garante que estará todo listo para o comezo das clases no novo curso 2019/20

A concelleira de Educación, Lola González, informa de que están rematadas as obras de acondicionamento do CEIP Santiago Apóstolo, en Franza, unha intervención orzamentada en máis de 48.000 euros e que serviu para subsanar diferentes eivas do centro. Xunto con esta actuación, que foi recepcionada polo Concello no mes de agosto e que é a máis importante das acometidas cara ao comezo do novo curso 2019/20, a edil Lola González explicou que están a ultimarse outras cuestións menores tanto no centro de Franza como no CEIP Unión Mugardesa e na Escola Infantil das Lagoas. Todo estará a punto para o comezo das clases, garantiu a concelleira.

1566

As obras de acondicionamento no CEIP Santiago Apóstolo consistiron na reparación de diferentes eivas que existían na cuberta do centro educativo e que estaban a causar a entrada de humidades en diferentes aulas e espazos do colexio. As obras incluíron o levantamento dalgunhas partes da cuberta e a súa reposición, de maneira que mellorou a recollida de auga, e tamén a impermeabilización e pintura de todas as fachadas do edificio. As obras acometéronse con cargo ao POS 2018 por un orzamento total de 48.078,24 euros. A Deputación Provincial asumiu 33.098,44 euros e o Concello de Mugardos os 14.979,80 euros restantes.

No mesmo colexio de Franza, explicou a concelleira Lola González, o Concello adecuou durante este verán un pequeno horto urbano, un recurso que o centro tiña solicitado hai tempo, e unha instalación para xogar á chave.

Ao fío das obras nos centros educativos, a concelleira de Educación do Concello de Mugardos, Lola González, recordou que o vindeiro día 17 de setembro abrirase un novo prazo de solicitude das axudas á escolarización, ao que poderán concorrer tanto as familias que non o fixeran no anterior así como ás que lle foi denegada a subvención na primeira resolución por falla de documentación. En total, 136 familias de Mugardos teñen concedida unha axuda despois do peche do primeiro prazo. As mesmas oscilan entre os 20 e os 250 euros, segundo a renta familiar e o nivel educativo, e van destinadas á compra de libros e material escolar, así como a sufragar os gastos de transporte aos matriculados en centros de fóra da vila mugardesa.