Domingo, 22 Setembro de 2019

Mugardos da pasos cara á regulación do estacionamento de autocaravanas no municipio

/ Mércores, 04/09/2019 - 09:39
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local avanza nas xestións para crear un área específica na zona do Baño, ao tempo que participará na reunión convocada pola Fegamp para ter unha ordenanza común.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou das xestións que o seu goberno está a realizar, por un lado para regular o estacionamento de autocaravanas no municipio, e por outro para crear unha área específica para este tipo de vehículos no Baño. Así, Pilar Díaz ten solicitado unha reunión coa directora xeral de Turismo, Nava Castro, para abordar a financiación deste proxecto, ao tempo que vén de remitir á Fegamp unha exposición de motivos para que Mugardos estea presente nunha próxima reunión na que se vai abordar a problemática do aparcamento incontrolado de autocaravanas.

As queixas de diferentes concellos polas molestias que ocasionan as autocaravanas fixeron que a Xunta e a Fegamp estean traballando para darlle forma a unha “ordenanza tipo” que regule o estacionamento deste tipo de vehículos. Así, a Federación de Municipios cursou unha invitación aos concellos afectados, á que Mugardos respostou corroborando o malestar que provoca o aparcamento de caravanas durante varios días na zona do peirao. No escrito remitido por Pilar Díaz indícase que o estacionamento se produce tanto nos espazos habilitados para turismos na praza da Constitución como nos que hai no porto reservados para os usuarios dos pantaláns, e que esta circunstancia resta prazas para a xente que vai aos estabelecementos hostaleiros ou que vai empregar outros servizos. A alcaldesa explica tamén que o seu goberno ten un proxecto para crear un área de estacionamento destes vehículos na zona do Baño e pide seren convocada á reunión na que, proximamente, os concellos afectados van abordar a problemática.

A alcaldesa informou tamén de que a mediados de agosto o Concello remitiu a Augas de Galicia unha modificación do proxecto da área de autocaravanas, co que seguen a avanzar os trámites cara a creación desta infraestrutura turística. A área de autocaravanas proxectada ten un total de 13, nove máis grandes e catro máis pequenas atendendo ás dimensións deste tipo de vehículos, así como unha zona de lecer con mesas e bancos de madeira, que estará delimitada por unhas losas de granito similares ás da urbanización adxacente.

O pavimento da zona de aparcamento será de formigón lavado que lembrará o aspecto dos antigos camiños de tapacuña. Na mesma contémplase a instalación de iluminación, abastecemento de auga e saneamento, cun punto para o vaciado das sentinas con auga corrente para evitar malos olores. O aparcamento das autocaravanas non entorpecerá a vista sobre a ensenada do Baño desde as vivendas colindantes e tampouco será visible desde a beiramar. A execución do proxecto está orzamentada en máis de 98.000 euros.

Pilar Díaz ten previsto convocar á veciñanza da zona do Baño a finais de setembro a unha reunión informativa na que exporá todos os detalles do proxecto e na que espera poder presentar o contido da nova ordenanza que se está a fraguar para limitar o estacionamento de autocaravanas noutros espazos non especificamente habilitados para elo.