Luns, 11 Novembro de 2019

A Oficina de Turismo de Mugardos recibiu a máis de 3.200 visitantes durante os meses de xullo e agosto

/ Xoves, 05/09/2019 - 08:28
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O pasado agosto foi o segundo mes de maior afluencia no rexistro histórico do Centro de Interpretación de Caldoval desde a súa inauguración.

A Oficina de Turismo de Mugardos recibiu durante os meses de xullo e agosto un total de 3.231 visitas de persoas procedentes en primeiro lugar de Galicia, e despois de Madrid, Castela-León e Andalucía. Un total de 149 visitantes foron extranxeiros, de lugares tan alonxados como Arabia Saudí, Corea, Japón ou Malasia. A concelleira de Turismo, Lola González, amosouse satisfeita coa afluencia turística á vila e destacou que pese á meteoroloxía deste verán, o número de visitantes foi importante tanto en xullo, co tirón das festas, como en agosto. De feito, no primeiro mes a oficina recibiu 1.631 visitas, 504 delas so na xornada da Festa do Polbo, e no segundo foron case as mesmas, 1.600.

Lola González comentou tamén o importante peso que ten o Centro de Interpretación de Caldoval para apuntalar o interese turístico de Mugardos. Así, o centro recibiu a visita de 393 persoas en xullo e de 965 en agosto. Así, o mes de agosto que acaba de rematar convertiuse no segundo de maior afluencia na historia de Caldoval, so por detrás de setembro de 2017, o mes da súa inauguración.

O Centro de Interpretación de Caldoval desenvolve visitas guiadas gratuítas e moitas actividades dirixidas ao público familiar, como obradoiros e xogos. Así, durante o mes de xullo pasado fixéronse 15 visitas guiadas e en agosto outras 27, e leváronse a cabo actividades como a Xornada de Xogos Romanos en Familia, a Noite de Estrelas, As XII Probas de Caldoval ou Ars Scribendi.

Durante todo o mes de setembro o Centro de Interpretación de Caldoval manterá o seu horario de verán. Así, abre de martes a domingo, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas, e desenvólvense as visitas guiadas de xeito gratuíto –dúas pola mañá e dúas pola tarde-. As persoas interesadas poden visitar a web www.museocaldoval.gal para obter máis información.

Segundo adiantou Lola González, do 26 de setembro ao 6 de outubro, o Centro de Interpretación de Caldoval acollerá a exposición itinerante “O océano que nos une”. Trátase dunha mostra formada por paneis adicados ao patrimonio mariñeiro, que forma parte do proxecto Morada Atlántica e que está a percorrer todos os centros que integran a Rede Rema.

Castelo da Palma

Ao fío dos datos de visitas á Oficina de Turismo, a alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que hoxe mesmo vén de enviar á sudirectora xeral de Protección de Patrimonio Cultural, Beatriz González, un escrito lembrándolle o que xa lle comunicou tamén o pasado 30 de xullo. Daquela se remitiron a Patrimonio as comunicacións dirixidas desde o Concello á empresa propietaria do castelo da Palma recordándolle a súa obriga de permitir as visitas de xeito gratuíto polo menos catro días ao mes e catro horas cada día, segundo o disposto para os BIC no artigo 48 da Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia, e brindándolle a colaboración do Concello na organización de visitas desde a Oficina de Turismo.

Tamén se instaba á empresa “a acometer labores de limpeza de maleza e delimitación de zonas accesibles para os potenciais visitantes con carácter de urxencia” para que unha vez que Patrimonio lle dera o visto bo ao calendario de visitas puidesen estas comezar de inmediato.

A data de hoxe non nos consta que se levaran a cabo labores de limpeza da maleza que se acumula tanto no interior como no exterior do inmoble, nin que se tomaran medidas de seguridade pra facilitar a accesibilidade dos visitantes”, explica a alcaldesa no seu escrito. Pilar Díaz reclama, ante a situación, que Patrimonio tome as medidas necesarias para que se cumpra o disposto na lexislación vixente.