Mércores, 11 Decembro de 2019

Escola de Envellecemento Activo: novo curso!

/ Luns, 09/09/2019 - 14:43
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Unha media de 90 maiores do municipio toman parte nas actividades propostas.

O Concello de Mugardos abrirá o vindeiro día 17 de setembro a inscrición na Escola de Envellecemento Activo. Unha media de 90 veciños e veciñas do municipio participan nestas actividades, que fomentan o mantemento dun modelo de vida saudable e melloran a forma física e o desenvolvemento intelectual das persoas maiores.

A Escola de Envellecemento Activo leva a cabo actividades en diferentes parroquias de Mugardos para favorecer a participación da veciñanza. Así, no Casino Progreso de Franza están programadas clases de Memoria, os venres pola tarde, e a Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo acollerá grupos de Comprensión Oral e Escrita, Memoria e Musicoterapia os mércores, xoves e venres pola tarde, respectivamente. En Mugardos desenvolveranse actividades de Memoria e Psicomotricidade –as dúas en diferentes grupos e niveis-, así como unha clase de Comprensión Oral e Escrita. Estas propostas desenvolveranse polas tardes no Local de Maiores. Súmase ás propostas o grupo de teatro, que terá os seus ensaios os xoves no Centro Cívico.

Xunto coas propostas nomeadas, a Escola de Envellecemento Activo organiza ao longo do curso outras iniciativas gratuítas, como sesións de risoterapia, que teñen moito éxito, e charlas ou visitas e saídas pola contorna. Tamén funciona na Casa da Cultura unha Aula de Alfabetización Dixital na que as persoas maiores poden aprender a manexar un ordenador, navegar por internet ou usar o correo electrónico e as redes sociais coa axuda dunha monitora.

A inscrición estará aberta para os maiores de 55 anos no departamento de Benestar Social, no Concello de Mugardos, do 17 de setembro ao 6 de outubro. O prezo mensual é de 7 ou 9 euros ao mes segundo a actividade sexa dunha hora e media ou dúas horas, aínda que o Concello pode bonificar o 100% do custo por razóns económicas. A Escola de Envellecemento Activo arrancará o 1 de outubro.

Descarga o programa completo: