Sábado, 19 Outubro de 2019

Escolas deportivas e culturais

/ Luns, 09/09/2019 - 15:08
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O prazo de inscrición estará aberto desde o 16 de setembro ata o 10 de outubro. A matrícula para a Escola de Música farase na escola os sábados 14 e 21 de setembro en horario de 11 a 13 horas.

O vindeiro día 16 de setembro o Concello de Mugardos abrirá o prazo de inscrición para as escolas culturais e deportivas do curso 2019/2020, que permanecerá aberto ata o 10 de outubro. Unha vintena de actividades diferentes forman a oferta das escolas, nas que a administración local garante a posibilidade de participar a través da bonificación da matrícula, que en función da renda pode chegar ao 100% do custo.

As escolas deportivas abranguen atletismo, ioga, baile moderno, bailes latinos, bailes de salón, danza coreográfica, predeporte, tai-chi, tiro con arco, ximnasia rítmica, ximnasia de mantemento, patinaxe infantil, tenis, remo, zumba, escalada e andaina con bastóns (Nordic Walking), que se incorpora este ano á oferta de actividades.

As escolas culturais, pola súa banda, ofrecen pintura, restauración de mobles e informática.

O prezo da matrícula é de 15 euros e as mensualidades oscilan entre os 5 e os 12 euros no caso das escolas deportivas, e os 13 e os 18, nas culturais, en función das horas semanais. As familias numerosas ou unidades familiares que se apunten a tres ou máis actividades terán descontos e bonificacións, así como os casos particulares que poidan acollerse a estas vantaxes segundo o criterio dos Servizos Sociais municipais.

As inscricións teñen que se realizar no Departamento de Cultura e Deporte (Oficina de Información Xuvenil) entre as 9.00 e as 14.00 horas.

Descarga a información completa: