Domingo, 22 Setembro de 2019

A Escola de Música Municipal das Lagoas abre as inscricións no novo curso

/ Martes, 10/09/2019 - 18:47
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O centro convoca dúas xornadas de portas abertas para recibir ao alumnado, así como a pais e nais, cara a organizar horarios e grupos.

A concelleira de Educación, Lola González, informa de que a Escola de Música Municipal das Lagoas ten aberto o prazo de inscrición para o novo curso que se vai desenvolver de outubro a maio. O centro convoca para este sábado 14 e para o seguinte, día 21, dúas xornadas de portas abertas para organizar grupos e horarios.

Así, a escola estará aberta de 11.00 a 13.00 horas e os alumnos e alumnas poderán ir, así como os pais e nais, para realizar a inscrición e facer constar os seus intereses en canto a días de clase e niveis. Tamén é posible, para aquelas persoas que o prefiran, facer a inscrición directamente na OMIX.

Segundo explicou Lola González, as ensinanzas que se ofertan ao alumnado son: Música e Movemento (para nenos e nenas de 4 e 5 anos), Iniciación musical (para nenos e nenas de 6 anos), Iniciación musical máis instrumento (dirixida a nenos e nenas de 7 anos), Linguaxe Musical (dous grupos, un para nenos e nenas a partir de oito anos e outro para adultos), Colectivo Metales e Banda. Ademais, se ofrecen as seguintes clases de práctica instrumental, nas que xa se poden matricular nenos e nenas que teñan os 6 años cumpridos antes do inicio do curso: percusión/batería, trompeta, violín-viola, saxo, piano, guitarra, gaita/pandeireta, conxunto folk e combo adultos.