Mércores, 13 Novembro de 2019

O curso comezou con normalidade nos centros públicos de Infantil e Primaria de Mugardos

/ Mércores, 11/09/2019 - 15:22
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, e a concelleira Lola González visitaron os colexios.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e a concelleira de Educación, Lola González, fixeron este martes unha visita aos colexios públicos da vila para interesarse polo comezo do curso e constatar que as melloras acometidas durante o verán están rematadas e a punto. Segundo destacou a concelleira, hoxe arrancan as clases con normalidade, despois de que o Concello afrontara nos últimos meses unha actuación importante no CEIP Santiago Apóstolo e outras obras menores no CEIP Unión Mugardesa e na Escola Infantil das Lagoas.

O investimento no colexio de Franza foi de máis de 48.000 euros, con cargo ao POS 2018 –a Deputación puxo 33.098 euros e o Concello a cantidade restante-. As obras consistiron na reparación de diferentes eivas que existían na cuberta do centro educativo e que estaban a causar a entrada de humidades en diferentes aulas e espazos do colexio. Levantáronse e repuxéronse algunhas partes da cuberta, de maneira que mellorou a recollida de auga, e tamén impermeabilizáronse e pintáronse todas as fachadas do edificio. Xunto con estas obras, dunha envergadura similar ás que se acometeran o ano anterior no CEIP Unión Mugardesa, o Concello tamén dotou ao centro dun pequeno horto urbano e dunha instalación para xogar á chave.

Ao fío das obras nos centros educativos, a concelleira de Educación do Concello de Mugardos, Lola González, recordou que o vindeiro día 17 de setembro abrirase un novo prazo de solicitude das axudas á escolarización, ao que poderán concorrer tanto as familias que non o fixeran no anterior así como ás que lle foi denegada a subvención na primeira resolución por falla de documentación. En total, 136 familias de Mugardos teñen concedida unha axuda despois do peche do primeiro prazo. As mesmas oscilan entre os 20 e os 250 euros, segundo a renta familiar e o nivel educativo, e van destinadas á compra de libros e material escolar, así como a sufragar os gastos de transporte aos matriculados en centros de fóra da vila mugardesa.