Sábado, 19 Outubro de 2019

Concello e Deputación asinarán en outubro o acordo para a execución do Pumptrack na zona do Baño

/ Xoves, 19/09/2019 - 15:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A administración provincial financiará o 80% do custo, valorado en 95.525 euros.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e o primeiro tenente de alcalde, José Ángel Martínez, mantiveron este mércores unha xuntanza co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na que o responsable informou de que a finais de outubro poderá asinarse o convenio de colaboración para a execución do pumptrack proxectado na zona do Baño. A administración provincial aportará 76.420,65 euros e o Concello os 19.105,16 restantes. Pilar Díaz expresou a súa satisfacción pola confirmación destas previsións e informou de que as obras sairán a concurso este mesmo ano.

A alcaldesa celebrou os avances cara á execución dun proxecto moi acaído pola afección que existe xa en Mugardos polo ciclismo e porque virá reforzar a imaxe da localidade como un destino para o turismo saudable e de natureza, con atractivos para xente moza e familias.

Na devandita xuntanza, Xosé Regueira informou de que o proxecto conta xa co visto bo dos técnicos e tamén coa partida económica precisa na Deputación da Coruña. As obras teñen un orzamento total de 95.525 euros, dos que a administración provincial custeará o 80%. Pola súa banda, o Concello ten tamén habilitados os fondos necesarios e completou a tramitación de permisos e a planificación urbanística.

O pumptrack de Mugardos vai ocupar unha superficie de máis de 1.300 metros cadrados, aínda que o circuíto en si sumará preto de 700, con curvas, peraltes e montículos deseñados para facer o percorrido máis divertido. Trátase dunha instalación a ceo aberto e de baixo custo de mantemento, axeitada non so para o ciclismo, senón para calquera deporte de inercia –patíns, monopatíns, etc-. Vai situarse no Baño, unha zona de alto valor turístico e paisaxístico, onde o goberno local proxecta tamén crear un aparcamento para autocaravanas.