Domingo, 8 Decembro de 2019

Aprobado o cambio de uso de dúas parcelas Municipais para facer un aparcadoiro en Curros Enríquez

/ Xoves, 26/09/2019 - 14:32
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O proxecto abrangue, xunto coa creación de 27 prazas de estacionamento, dotar de beirarrúas o acceso ao colexio Loyola.

O pleno da corporación mugardesa vén de aprobar o cambio de uso de dúas parcelas de titularidade municipal situadas na rúa Curros Enríquez. Trátase da superficie na que o goberno local proxecta a habilitación dun aparcadoiro público, que suma un total de 1.066 metros cadrados e que forma parte dunha intervención que abranguerá tamén a mellora da accesibilidade peonil na zona. Segundo explicou a alcaldesa, Pilar Díaz, foi necesario cambiar a clasificación das parcelas, ás que o PXOM vixente lles asignaba uso dotacional-equipamento, para definilas como de equipamento dotacional de aparcadoiro público.

O proxecto de creación dun aparcadoiro e mellora da accesibilidade peonil na rúa Curros Enríquez afecta ao contorno do CPR Loyola e foi redactado en febreiro de 2019. A presenza do colexio fai que se rexistre nesta vía unha especial intensidade de tráfico nas horas de entrada e saída, e tamén que sexa importante dotar á zona de beirarrúas para garantir a seguridade vial. A intervención está orzamentada en 69.538,31 euros e incluirá completar as beirarrúas a ambos lados da rúa Curros Enríquez desde a AC-133 ata o colexio. O proxecto contempla tamén a explanación e pavimentación das dúas fincas de titularidade municipal situadas nas proximidades do centro para a creación dun total de 27 prazas de estacionamento.

Por outra parte, segundo informa a alcaldesa, o Concello recibiu en agosto deste ano o estudo de aliñación e o parcelario da totalidade da rúa Curros Enríquez, co obxectivo de traballar cara a dotación de beirarrúas en todo o vial.