Sábado, 19 Outubro de 2019

O Concello de Mugardos abre o prazo de presentación de obras para o XXIX Concurso de Pintura "Bello Piñeiro"

/ Luns, 30/09/2019 - 17:05
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O premio, dirixido a artistas con máis de 18 anos, está dotado con 1.800 euros.

O Concello de Mugardos abre mañá o prazo de presentación de obras para o XXIX Concurso de Pintura "Bello Piñeiro", o máis senlleiro certame artístico da vila, no que os autores e autoras poderán presentar obras ata o vindeiro día 18 de outubro. A concelleira de Cultura, Lola González, recordou que un ano máis o premio se celebra separadamente do "Piñeiro Pose" para darlles, a cada un deles, maior protagonismo.

O certame "Bello Piñeiro" vai dirixido a artistas que teñan como mínimo os 18 anos cumpridos no momento da inscripción. As obras terán un tamaño máximo de 150x150 centímetros, a técnica libre e o tema é “A nosa terra”, a súa paisaxe, contorna e tradición, pasado, presente e futuro. Cada persoa pode presentar unha única obra orixinal, non premiada con anterioridade en ningún outro certame.

Haberá un único premio de 1.800 euros e dous accésits que recibirán galardón non metálico e un premio ao mellor pintor ou pintora local dotado con 400 euros. As obras presentadas participarán dunha exposición que se inaugurará no Local Social de Maiores de Mugardos o día 31 de outubro, ás 20.00 horas. Nese mesmo acto entregaranse os premios.

A presentación das obras farase no Departamento de Cultura do Concello, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.