Venres, 18 Outubro de 2019

O Goberno Local brinda o seu apoio ao IES Mugardos para acadar o servizo de comedor e novas titulacións de FP

/ Luns, 30/09/2019 - 15:19
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/es

A alcaldesa e a concelleira de Educación mantiveron recentemente unha reunión co director do centro educativo, Serafín Álvarez.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e a concelleira de Educación, Lola González, veñen de manter unha reunión co director do IES Mugardos, Serafín Álvarez, ao que lle reiteraron a vontade do goberno local de apoiar ao centro na consecución de novos servizos e titulacións. Pese a que non é unha competencia municipal, segundo explicou Lola González, o Concello ten interese en que o centro poida contar cun comedor propio, xa que alumnos e alumnas están a empregar actualmente os dos colexios Unión Mugardesa e Santiago Apóstol.

Segundo a lista de admitidos publicada polo Concello, hai un total de 15 prazas nos servizos de almorzo e xantar ocupadas por alumnos e alumnas de ESO nos colexios Santiago Apóstol e Unión Mugardesa, un número que vén confirmar a idoneidade de que o instituto conte tamén con esta prestación. Lola González comentou que a iniciativa ten que ser do propio instituto, pero que o goberno local está ao seu dispor para apoialo na preparación da solicitude para a Xunta. O Concello tamén estaría disposto a desenvolver unha ordenanza que regulase axudas económicas para as familias, en termos similares á que xa funciona para os comedores escolares dos CEIP.

Tamén expresaron as responsables municipais a dispoñibilidade do Concello de Mugardos para traballar co instituto cara á consecución dalgún novo título de Formación Profesional que permita ampliar a oferta actual. O IES de Mugardos conta actualmente co ciclo básico de Agroxardinaría e Composicións Florais. No seu momento, o goberno local colaborou co centro na preparación da solicitude para a Consellería de Educación, coa que despois asinou un convenio de colaboración para dotar ao centro dun almacén que dá servizo aos profesores e alumnos deste novo título. Lola González explicou que a colaboración que brinda o Concello ao instituto ben podería ir na mesma liña para conquerir outro ciclo de FP da mesma familia que o anterior.