Venres, 18 Outubro de 2019

O programa "Mugardos Camiña" retoma o pulso con tres rutas polo propio Municipio

/ Luns, 30/09/2019 - 16:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
As persoas interesadas en participar en todos ou algún dos nove percorridos que se farán de outubro a xuño poden inscribirse a partir do día 1 de outubro.

O Concello de Mugardos pon en marcha o vindeiro 13 de outubro unha nova edición do programa “Mugardos Camiña”, que organiza en colaboración coa Asociación de Veciños de Montefaro. A iniciativa promove andainas un domingo ao mes polo propio municipio ou a súa contorna, sempre cun baixo grao de dificultade para que estean ao alcance da maioría. A concelleira de Cultura, Lola González, destacou que é unha actividade cunha gran acollida, á que acoden tamén veciños e veciñas doutros municipios, que promove a vida saudable, as relacións sociais e o coñecemento do patrimonio natural.

As andainas que se van desenvolver neste último trimestre do ano van todas polo propio concello de Mugardos. A primeira, o día 13 de outubro, leva por nome “ruta da auga” e discorrerá en parte xunto ao curso das augas dos ríos do municipio, o Esteiro e o Río Seco. A segunda será o 10 de outubro e nomeouse “dos camiños” porque fará un percorrido pola Seaña e sendeiros da zona rural, e a terceira, a das “vilas romanas”, está programada para o 8 de decembro e irá pola zona do litoral de Meá ata chegar a Noville.

As persoas interesadas en participar no programa teñen que inscribirse a partir do 1 de outubro na OMIX, presencialmente de 09.00 a 14.00 horas, ou ben chamando por teléfono -981 479 338, extensión 1- ou enviando un correo electrónico a deportes@concellodemugardos.gal. O “Mugardos Camiña” constará de nove andainas de outubro a xuño. Para matricularse haberá que pagar 15 euros, cos que o Concello faise cargo, entre outras cousas, do seguro.

Cada unha das rutas adoita contar coa asistencia de entre 30 e 60 persoas, e son máis de 200 as que teñen participado nas diferentes edicións do programa. Os percorridos ocupan dúas ou tres horas nas mañás dos domingos e o habitual é quedar no Concello para partir desde alí a pé ou ben repartirse en coches cando o punto de partida está máis afastado.

1577