Venres, 18 Outubro de 2019

As operadoras do mercado participaron nun curso de formación para a mellora da xestión comercial

/ Luns, 30/09/2019 - 16:51
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
É a primeira acción realizada con cargo á axuda do GALP, que permitirá tamén realizar as obras de modernización da praza de abastos municipal.

As operadoras e operadores do mercado municipal de San Telmo veñen de participar nunha xornada de formación avanzada de xestión comercial, mentoring e visual merchandising na que se abordaron temas como as estratexias de merchandising, a colocación dos produtos ou técnicas de atención e servizo á clientela. A alcaldesa, Pilar Díaz, destacou o interese co que acolleron esta formación, que xa están a aplicar no traballo ao frente dos seus postos de venda, e a excelente disposición do colectivo para tomar parte activa en accións que melloren as prestacións da praza de abastos e incrementen a súa actividade comercial.

A acción formativa organizouse coa axuda que o Concello acadou o pasado mes de agosto, ao abeiro do programa de fondos europeos xestionados polo GALP Ártabro Norte, para a modernización do mercado municipal e a posta en valor dos produtos locais. A axuda é, en total, de 150.000 euros, e vaise desenvolver en tres exercicios. Nos dous primeiros -2019 e 2020- as accións van encamiñadas á formación dos operadores e operadoras, e no último concentrarase o maior investimento para facer as obras de mellora do mercado.