Venres, 18 Outubro de 2019

O prazo de axudas para agasallos de Nadal ábrese hoxe, ata o vindeiro día 10

/ Martes, 01/10/2019 - 15:44
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello destina unha partida de 3.500 euros a repartir estes fondos ás familias, que van desde os 50 aos 240 euros segundo o número de fillos.

O concelleiro de Benestar Social, Genaro Prieto Iglesias, informa de que desde hoxe e ata o vindeiro día 10 de outubro, está aberto o prazo para solicitar axudas para a compra de agasallos de Nadal. A convocatoria vai destinada ás familias con menos recursos económicos no municipio e están dotadas, segundo o número de fillos/as menores de 13 anos, dos 50 aos 240 euros por unidade de convivencia. A administración local destina unha partida de 3.500 euros a estas axudas.

Para recibir unha destas axudas é preciso estar empadroado/a no Concello de Mugardos e ter en custodia un ou máis menores de 13 anos –que non os teñan cumprido o 6 de xaneiro de 2020-, así como que a renda per cápita familiar non supere o 80% do IPREM.

Lola González explicou que a finalidade é que tódolos nenos e nenas do municipio teñan regalos en Nadal, ao tempo que se dinamiza o comercio local, porque os vales de compra deben gastarse en establecementos da vila.

Na web do Concello pódese consultar a documentación a presentar e as instrucións completas sobre o programa.