Sábado, 19 Outubro de 2019

"III Xornada sobre Mugardos Romana"

/ Mércores, 09/10/2019 - 15:03
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A concelleira de Cultura, Lola González, destaca que a vila consolida o seu papel como referente no coñecemento da pegada dos romanos en Galicia.

O Centro de Interpretación de Caldoval acollerá este sábado a “III Xornada sobre Mugardos Romana”, unha cita que se desenvolveu con grande éxito nas dúas edicións anteriores e que contribúe a consolidar a vila como unha referencia no estudo da presenza romana en Galicia e, más concretamente, no Golfo Ártabro. Tal como explicou a concelleira de Cultura, Lola González, o programa terá lugar pola mañá, de dez a preto das dúas da tarde, e incluirá tres relatorios nos que, de novo, haberá ocasión de deterse na importancia do pasado romano da vila mugardesa.

O programa será inaugurado pola alcaldesa, Pilar Díaz, ás 10.00 horas, e as intervencións serán moderadas por Susana Ricart Guillot, a arqueóloga que levou a cabo as excavacións en Caldoval. Está previsto o seu remate en torno ás 13.15 horas, despois dun pequeno debate.

María J. Loira Enríquez, investigadora predoutoral e profesora do Departamento de Prehistoria e Arqueoloxía da UNED, será a encargada de impartir a primeira charla, ás 10.15 horas. O seu relatorio versará sobre “Mugardos in illo tempore, un enclave romano na Ría de Ferrol”.

A continuación, ás 11.00 horas, o doutor en Filoloxía Clásica Fernando Lillo Redonet, profesor de Latín no IES San Tomé de Freixeiro e especialista en xogos romanos, pronunciará a conferencia “Voces das termas: o ambiente dos baños a través dos textos epigráficos e literarios”.

Despois dunha pausa para o café, prevista entre as 11.45 e as 12.30 horas, intervirá o último relator. Ángel Arias López, presidente da Asociación de Recreacións Históricas Cohors X Urbanae de Lucus Augusti, falará da “Seguridade na cidade de Roma: divulgación da antigüidade romana a través de recreacións históricas”.

A entrada será libre e as persoas interesadas poden realizar a súa inscrición por correo electrónico - info@museocaldoval.gal- ou ben chamando por teléfono ao 687 072 116.

1581